Forcarei quere que as Festas das Dores sexan "as mellores da súa historia"

Concello, comerciantes e hostaleiros traballaran xuntos para impulsar esta nova edición que se celebrará a finais de agosto
A pandemia condicionou as festas da localidade nos dous últimos anos. DP
photo_camera A pandemia condicionou as festas da localidade nos dous últimos anos. DP

Verónica Pichel, alcaldesa de Forcarei, logrou un acordo con comerciantes e hostaleiros da localidade para impulsar as próximas Festas das Dores. Foi durante a segunda reunión que fixeron para falar sobre as vindeiras celebracións de finais de agosto. Os representantes das empresas asistentes decidiron crear unha nova asociación para poñer xa en marcha a comisión de festas.

A rexedora lembroulles que o Concello está implicado ao máximo con esta celebración e xa pechou a programación musical nocturna. O concerto estrela será o de Heredeiros da Crus o sábado das Dores (27 de agosto), seguido dunha sesión do DJ Carlos López. O día anterior, venres, instalarase a discoteca móbil Will, e para o domingo 28 está programada a actuación da orquestra Ritmo Joven.

Nas xuntanzas participaron varios representantes de empresas. A intención da nova comisión, que volverá reunirse o vindeiro mércores, é implicar tamén á mocidade da localidade na organización. Polo de agora, acordaron iniciar a recadación no núcleo de Forcarei (encargaranse responsables da Farmacia Coello e de María Guzmán), nas aldeas (Restaurante París e Supermercados Claudio) e a elaboración do libro de anuncios (Sueños Multitienda e Cafetería Plaza).

Pichel agradeceu o compromiso de todas estas persoas e reiterou a colaboración do goberno local. "Nunca antes houbo tanta implicación por parte do Concello de Forcarei coa celebración das Festas das Dores e o acordo das veciñas e veciños para impulsar a comisión de festas é unha boísima nova. Despois de varios anos de restricións impostas pola pandemia, Forcarei vai ter as mellores festas da súa historia".

A falta de pechar outras posibles actuacións, o Concello destina para a organización destas actividades máis de 35.000 euros. A cantidade máis elevada é a do concerto de Heredeiros da Crus, financiado na súa maior parte pola Deputación de Pontevedra a través do programa Musigal.

Comentarios