Forcarei solicita a revisión do proxecto eólico que afecta a outros dous municipios

As alegacións interpostas ao parque Pedra Longa, que repercute tamén en Cerdedo-Cotobade e A Estrada, indican "as graves deficiencias e carencias ambientais" que ve o Concello forcaricense
Reunión da alcaldesa Verónica Pichel co presidente da Fundación Ceo, Ciencia y Cultura. DP
photo_camera Reunión da alcaldesa Verónica Pichel co presidente da Fundación Ceo, Ciencia y Cultura. DP

O Concello de Forcarei interpuxo alegacións a un novo proxecto eólico, denominado Pedra Longa, que afecta tamén aos municipios de A Estrada e Cerdedo-Cotobade. A Administración local forcaricense entende que a iniciativa presenta múltiples carencias, esencialmente medioambientais e económico-sociais, e solicita a súa retirada ou revisión coa realización dos estudos de impacto adecuados. Estas alegacións súmanse as xa presentadas meses atrás contra outros dous proxectos eólicos, denominados Tramontana e As Penizas, situados respectivamente en áreas lindeiras con Silleda e Cerdedo-Cotobade.

Con respecto ao parque Pedra Longa, a alcaldesa Verónica Pichel, xunto co concelleiro José Manuel Álvarez e o arquitecto municipal José Luis Sanmiguel, mantiveron onte ao mediodía unha reunión co presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, que xestiona o Observatorio Astronómico, Enrique Alonso, moi preocupado pola importante afectación lumínica.

Nas súas alegacións, tras criticar que moitos trámites para este proxecto realizáronse dun xeito completamente opaco, o Concello denunciou a proximidade das instalacións a espazos incluídos na Rede Natura 2000, como a Serra do Candán, a Serra do Cando e as Brañas de Xestoso, así como a áreas habitadas como o lugar de Cabanelas. Tamén se cuestionan as compensacións económicas e a valoración da repercusión laboral do proxecto, e relaciónanse múltiples posibles efectos negativos de carácter paisaxístico, ambiental, acústico, hidrolóxico, patrimonial ou social, como o impacto para o desenvolvemento de actividades como o turismo rural ou rutas xacobeas, ciclistas ou micolóxicas, a negativa afectación para algunhas especies animais ameazadas, como o aguiacho pálido e o aguiacho cincento, ou a saturación de eólicos que comeza a sufrir a zona.

Pedra Longa, promovido a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, supón a habilitación de tres aeroxeneradores de 5,6 megavatios, localizados no concello de A Estrada pero cunha zona de afectación que chega tamén ata os municipios de Cerdedo-Cotobade e Forcarei.

En relación ás alegacións interpostas meses atrás contra outros dous parques eólicos máis, aínda non se recibiu resposta. Con respecto ao parque denominado Tramontana, dependente do Estado, con dez aeroxeneradores en Forcarei e 3 en Silleda de 5,6 megavatios cada un, o Concello considerou necesario completar o expediente cun estudo rigoroso do patrimonio cultural, material, natural, xeolóxico e ambiental da zona, así como cunha información máis precisa sobre as liñas de evacuación e interconexión con outro polígono.

No outro caso, con oito aeroxeneradores de 4,2 megavatios entre Forcarei e Cerdedo-Cotobade, o Concello entendeu que o estudo de impacto ambiental presenta deficiencias importantes, mencionando informes de expertos biólogos sobre zonas húmidas e a súa fauna e vexetación que resultarían afectadas.

O proxecto deste parque, chamado das Penizas e promovido pola Xunta de Galicia, debería incorporar ademais distintas captacións de auga, ten notables carencias no seu estudo de impacto arqueolóxico e non inclúe unha adecuada avaliación do impacto sonoro. Sobre este proxecto interpuxéronse tamén numerosas alegacións por parte de particulares.

Comentarios