domingo. 31.05.2020 |
El tiempo
domingo. 31.05.2020
El tiempo

Forcarei ultima a organización do primeiro campamento de verán

Os campamentos ofertará diversos obradoiros, deporte ou animación á lectura. CEDIDA
Os campamentos ofertará diversos obradoiros, deporte ou animación á lectura. CEDIDA
Poderán asistir nenos e nenas residentes ou veraneantes asiduos de entre 3 e 12 anos

O Concello de Forcarei está a ultimar a organización dun campamento de verán entre xuño e setembro, que será a primeira vez que se desenvolva neste municipio e que terá como beneficiarios tanto ás nenas e nenos residentes como veraneantes asiduos de entre 3 e 12 anos de idade. O horario irá de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.

O proxecto, denominado Concilia Forcarei, e que foi un compromiso da actual alcaldesa, Verónica Pichel, na campaña das pasadas eleccións locais, terá como principais sedes operativas distintas instalacións municipais, aínda que tamén se utilizarán espazos abertos como parques, ríos, piscina, prazas ou montes.

O programa estruturarase entre as accións denominadas de Ollos curiosos, con obxectivos "puramente educativos, de repaso do aprendido no curso escolar ou de fomento da imaxinación ou do traballo en equipo, e o tempo específico de lece"», sinala o Goberno municipal, que engade que "haberá obradoiros de moi diversa índole, cociña creativa, deporte e psicomotricidade, novas tecnoloxías, animación á lectura ou teatro, entre outras actividades".

Así mesmo, as rapazas e rapaces con necesidades especiais recibirán unha atención individualizada e ademais organizaranse accións de carácter interxeracional para implicar ás persoas maiores, como sesións de contos ou lendas e xornadas para amosar como se xogaba anos atrás.

Por outra banda, o Concello subliña que "as saídas son parte fundamental do proxecto, sobre todo os desprazamentos próximos destinados a que nenas e nenos coñezan o contorno no que viven e fomentar o sentimento de pertenza e solidariedade co seu medio". Rutas de sendeirismo, bicicleta, actividades de orientación, xogos nos parques do concello ou visitas a lugares emblemáticos do municipio de Forcarei estarán presentes no programa.

PREVENCIÓN. O proxecto Concilia Forcarei incluirá tamén actuacións recreativas, de pallasos, monicreques, malabaristas ou similares, e organizaranse así mesmo xornadas con garda civís para prevención do consumo de drogas ou educación viaria, e no Centro Quérote para falar de sexualidade.

O persoal do campamento estará formado por unha educadora social licenciada en Psicopedagoxía, outras dúas educadoras sociais e dúas monitoras de ocio e tempo libre.

O máximo de prazas será de 60, aínda que poderán beneficiarse un maior número de nenas e nenos dado que se permitirá a asistencia tamén por horas como medida específica de conciliación.

O prazo para matricularse comezará aproximadamente a mediados de maio, segundo indica o Goberno municipal.

Forcarei ultima a organización do primeiro campamento de verán
Comentarios