A Fundación Semana Verde reanuda a súa Central Agropecuaria de Galicia

Implantouse un sistema de preinscrición obrigatoria a través de páxina web, por correo e por WhatsApp  Alfonso Rueda visitou onte o recinto na primeira xornada de actividade
Alfonso Rueda calificou de boa noticia que se retome esta actividade comercial. CEDIDA
photo_camera Alfonso Rueda calificou de boa noticia que se retome esta actividade comercial. CEDIDA

A Central Agropecuaria de Galicia reanudou este martes a súa actividade no recinto ferial silledense tras a suspensión dos mercados de gando debido ao estado de alarma polo coronavirus. Así, a entidade da Fundación Semana Verde regresa con medidas de seguridade sanitarias e novos sistemas telemáticos, despois de que o Centro de Coordinación Operativa acordara na súa última reunión levantar a suspensión da celebración dos mercados de gando en Galicia e que a Consellería do Medio Rural publicara o pasado venres a resolución correspondente.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este martes a Central na súa primeira xornada de poxa, onde indicou que a apertura do mercado de gando "é unha boa noticia, xa que se retoma unha actividade comercial que ten moito que ver coa reactivación do consumo, cos hábitos que tiñamos e empezamos a recuperar e que empeza ademais dacordo cos novos tempos, cunha subasta telemática e con todas as garantías sanitarias". Por agora, e mentres dure a crise sanitaria, o número máximo de cabezas de gando en cada sesión serán 1.320.

Rueda tamén sinalou a importante aposta polas novas tecnoloxías co obxectivo de reducir a presenza física no recinto e, por tanto, evitar aglomeracións. Por iso, a preinscrición dos animais é obrigatoria mentres dure a crise sanitaria na páxina web da central, por correo electrónico ou por WhatsApp. Ademais, a través tanto da aplicación TokApp como na web da central difundiranse os resultados de cada poxa en tempo real para contribuír a redución da afluencia e prevese que se manteña de forma permanente co obxectivo de axilizar a actividade do mercado e ofrecer unha resposta máis eficiente.

Na súa visita, o vicepresidente comprobou de primeira man que as poxas no recinto feiral, unha das actividades principais da Fundación Semana Verde, retomáronse cumprindo con todos os protocolos de seguridade e prevención, tanto os establecidos polas autoridades sanitarias como outras medidas postas en marcha pola central.

Comentarios