Mercedes Nodar, presidenta da asociación Estrada Micolóxica

"En Galicia segue existindo a 'micofobia'; é coma unha pegada na nosa idiosincrasia"

"Hai miles de hectáreas de montes, prados e camiños e aínda que nos puxeramos a recorrelos tódolos galegos á vez, seguramente non dariamos con tódalas especies micolóxicas", di a estradense Mercedes Nodar. Na comunidade hai catalogadas máis de 2.500 variedades. O outono é a mellor época para descubrilas, pero non a única.

Nodar amosa un dos exemplares de cogomelo recollidos no entorno da praia fluvial de Liñares a pasada semana. P. FIGUEIRAS
photo_camera Nodar amosa un dos exemplares de cogomelo recollidos no entorno da praia fluvial de Liñares a pasada semana. P. FIGUEIRAS

ESTRADA MICOLÓXICA organiza dende 2009 unhas xornadas informativas para abrir a campaña de outono, actividade que xa é unha referencia en Galicia entre os amantes desta materia. Hai tres anos facíaas en setembro, pero o atraso na produción polos cambios climatolóxicos fixo que agora se adíen a outubro. Comezaron o pasado día 5 e a próxima charla será o venres 19, a cargo do experto pontevedrés Jaime Blanco Dios, sobre Xénero Leccinum. A presidenta da asociación programadora, Mercedes Nodar, sostén que con este tempo cambiante é difícil prognosticar a temporada.

Como comeza a época por excelencia de recollida de cogomelos?

Cada ano está cambiando e imos a peor. Parece que se prolonga o verán ata setembro e agora veñen uns fríos de golpe. Somos extremos; pasamos de estar case a 30 graos a mañás de 9 ou incluso 6 graos na Estrada. Esa é unha temperatura baixa para principios de outubro. Os cogomelos que están saíndo son os típicos de climas máis cálidos: o boletus fragans e algún outro, como o aestivalis, que resisten máis as altas temperaturas. Non se pode facer un prognóstico a longo prazo, cada día é máis complexo.

Cogomelos. P. FIGUEIRAS

O cambio na climatoloxía está mudando, entón, o tipo de especies que medran en Galicia…

Por suposto. Hai anos a amanita caesarea era unha especie de climas e terreos de zonas máis cara ó sur ou ó centro de España que en Galicia era moi difícil atopar e gradualmente foron aparecendo. Ó igual que especies como o buchwaldoboletus lignícola pontevedrés, que o achamos aquí o verán pasado na Estrada e que está estudado polo pontevedrés Jaime Blanco Dios. Nos Pirineos están xa collendo todo tipo de cogomelos que apañamos aquí no outono e no inverno, que queren chuvia e frío. Aquí non, aquí cada vez empezamos máis tarde. Debido a que? Hai unha falta de precipitacións. Necesitamos auga por máis de quince días seguidos, unhas precipitacións case continuas, para que chegue a filtrar.

Isto desanima ós amantes dos cogomelos ou ós que queren iniciarse?

Algo si que desanima, no sentido en que eles teñen unha idea que é a de: chuvia-humidade-cogomelos. Moita xente non sae o resto do ano, cando hai cogomelos en tódalas épocas, en primavera, verán e inverno tamén. É verdade que non nun nivel tan abundante coma o que podes atopar no outono, porque a variedade de especies é maior. E a xente, mentres haxa calor, non sae ó monte.

Cogomelos. P. FIGUEIRAS (3)

Chegada esta época, sempre xorden casos de intoxicacións por consumición de especies velenosas. Seguimos sendo demasiado atrevidos á hora de fiarnos dos nosos coñecementos?

Penso que hai consciencia e segue existindo unha cousa que sempre houbo en Galicia: a micofobia, o medo ós cogomelos. Sempre existiu e é case imborrable, é como unha pegada na nosa idiosincrasia. Nas aldeas seguen denominándoos pan de raposo, pan de cobra… porque lles parece que non son comestibles. Cada vez hai máis que saen ó monte e fan acopio dese produto, pero hai unha lei, a de Montes, que recolle que o cogomelo é propiedade do dono do monte. O autoconsumo está ben porque a metade dos terreos están abandonados e hai xente que morreu e os herdeiros non saben onde teñen as propiedades. Eu son a primeira en recoller, pero que se saiba que teñen dono.

E a nivel comercial, ten demanda o cogomelo en Galicia?

Agora mesmo está habendo o mercado Entre lusco e fusco, os martes, en Belvís, en Santiago de Compostela. Alí moitos venden cogomelos recolllidos no monte e hai a quen lle dá igual o que leven e outros van co libro e explícanche. Paréceme moi ben que haxa un comercio porque, realmente, si, están aí no monte, teñen dono, pero algunhas cousas pérdense. Temos un descoñecemento, sobre todo cando vén xente de fóra, que compara e di: "Isto no meu país cómese", pero ollo, ó mellor é que se parece a algo que hai no seu país, pero non é o mesmo. Das peores intoxicacións que houbo foi a dunha familia chinesa, que, se mal non recordo, comeu a amanita faloides.

Formación. "As xornadas funcionan ben porque son gratuítas. Vén xente de moitos puntos"

Un cogomelo. P. FIGUEIRAS

Levan anos organizando as xornadas. Vese que espertan interese. Pero, por que na Estrada?

Isto foi creado por un grupo de profesores dun instituto ó que lle gustaba o tema, e outra xente. Empezaron a ver se había interese e fixeron unhas charlas de proba no 2009. Viron que había xente e decidiron montar a asociación. Entre esa xente estaba eu e ó final fóronme metendo no medio e xa a partir de 2010 as levei eu. Temos un formato que é asequible: non os agobiamos, só facemos os outonos e cada quince días, con charlas e saídas ó monte. Funcionamos porque ofrecemos todo de forma gratuíta e porque temos un convenio co Concello e iso permítenos non tirar dos nosos fondos.

Entre o público hai xente maioritariamente da contorna ou acoden doutros puntos de Galicia?

Sorprenderíaste! Dende A Coruña, Betanzos, Vigo, Lalín, Dozón… Dende moitos puntos. Creo que os de máis lonxe eran da Coruña e Betanzos.

Cogomelos. P. FIGUEIRAS (2)

Comentarios