Unhas galletas para namorar

Namoreiras, antiga Maruxío Terra e Sal, acaba de poñer en marcha un parque de aromas na aldea estradense de Terreboredo e bota a andar a Reboleta namoreira, unha furgoneta que recorrerá distintos concellos promovendo a alimentación sausable
undefined
photo_camera María Rivas con algún dos produtos elaborados no obrador de Namoreiras. DP

Conta a lenda que a noite de San Xoán, unha persoa que desexe namorar a outra deberá meterlle a herba de namorar ou namoreira no peto. Isto bastará para que esa outra persoa quede prendida dela e así poida comezar unha nova historia de amor.

Pola beleza desta historia tan propia da mitoloxía galega, María Rivas e Uxío Alho decidiron chamar ao seu proxecto, que comezou no ano 2019 como Maruxío Terra e Sal, Namoreiras; tamén polo seu xogo de palabras, pois de Namoreiras rescátase amor e eiras, "amor polas eiras", precisa María, algo que exemplifica á perfección a filosofía deste proxecto que naceu hai tres anos e que cada vez se fai máis grande, expandindo unha alimentación saudable e a defensa do rural e da lingua galega por toda a comunidade.

María e Uxío comezaron coa elaboración de galletas, que eles definen como rebolos, nun obrador no lugar de Terreboredo, na Estrada. E de aí pasaron a ofrecer formación e a organizar mercadiños biosaudables. Agora, estes amantes da terra e da cultura galega acaban de poñer en marcha un parque de aromas, onde crecen plantas aromáticas e mediciñais; e botaron a andar a Reboleta namoreira, unha furgoneta que recorrerá Galicia para divulgar entre a poboación a importancia da alimentación saudable.

"Son proxectos que se van a retroalimentar uns aos outros", explica María, que pese ao recente cambio de nome debido a un problema que tiveron coa marca anterior, "o noso proxecto segue vinculado á saúde, á tradición e tamén ao respecto pola cultura e pola nosa lingua", pois "para nós son cousas importantes no noso día a día", precisa esta veciña estradense.

Con respecto a estes dous últimos proxectos que Namoreiras acaba de emprender, María explica que a través das redes sociais poderase coñecer a ruta da Reboleta namoreira, que comezou a súa viaxe na Burla Verde e que volverá a Sabucedo na Rapa das Bestas.

Galletas de Namoreiras. DP
Rebolos de Namoreiras. DP

Pola súa banda, o parque de aromas, onde xa comezaron a plantación, servirá para elaborar produtos de cosmética ecolóxicos, elaboracións que se farán no obrador de Terreboredo. Unha iniciativa que irá acompañado de formación, tanto nas escolas como ao público en xeral.

Con todo, dentro do abanico de proxectos que forman parte de Namoreiras, as súas galletas seguen sendo os seus produtos máis coñecidos. Os seus rebolos, as súas granolas e as súas pastas de té artesás en versión larpeira e vegana seguen a namorar a milleiros de padais. Uns produtos que Namoreiras vende a través das súas tendas de confianza en lugares como A Estrada, Pontevedra ou Vigo, no obrador de Terreboredo con cita previa (chamando ao teléfono 692 810 145) ou a través da páxina web namoreiras.com.

Comentarios