Unha gandaría de Lalín, galardoada nos VI Premios Exceleite da Xunta

A veciña lalinense María del Pilar Iglesias Golmar recibiu o ouro na categoría de pequenas explotacións intensivas, un recoñecemento ao seu "compromiso coa calidade"
José González, durante a súa intervención na entrega dos galardóns. DP
photo_camera José González, durante a súa intervención na entrega dos galardóns. DP

A gandeira María del Pilar Iglesias Golmar, de Lalín, foi galardoada co ouro dos VI Premios Exceleite á excelencia hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de leite cru de vaca 2022 na categoría de gandaría intensiva. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e dos delegados territoriais da Xunta na Coruña e Pontevedra, Gonzalo Trenor e Luis López, presidiu este mércores a entrega destes galardóns, que son un "recoñecemento da Xunta polo esforzo de gandeiros e gandeiras de Galicia comprometidos coa calidade", indicou o titular de Medio Rural.

Unha estratexia que, sinalou González, "é a panca que facilita a consolidación definitiva do sector lácteo galego, tanto no conxunto de España como fóra do noso país".

O conselleiro indicou que, ao abeiro disto, "continuamos a avanzar na profesionalización, na mellora da rendibilidade, así como na defensa da excelencia dos nosos produtos, mesmo por riba da cantidade". Malia que sexa "evidente que somos capaces de competir en cantidade sen perder calidade", engadiu.

Precisamente, González puxo en valor esta valorización do produto, mediante a calidade, así coma o traballo da Xunta a curto, medio e longo prazo, para apoiar o sector. Un esforzo plasmado na Estratexia sectorial e en iniciativas como a ferramenta informática Conta Láctea, o Observatorio da cadea alimentaria, a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia ou o Observatorio lácteo.

Todo isto, aclarou, co fin último de contribuír decisivamente ao cumprimento da Lei estatal da cadea alimentaria, en concreto da prohibición da venda a perdas, algo que tivo un "resultado positivo" tamén na construción do prezo do leite, un indicador que –salientou– "leva rexistrando incrementos oito meses consecutivos". Nesta mesma liña, o conselleiro lembrou tamén que a Xunta inxectou liquidez ao sector pola vía do circulante e o anticipo de axudas.

Nova Política Agraria Común
En relación coa nova Política Agraria Común (PAC), José González sinalou que a súa principal novidade concrétase nos ecoesquemas, que a Xunta conseguiu adaptar á realidade galega. Foi, dixo, mediante unha presión negociadora no proceso de conformación destas políticas que tamén trouxo consigo o logro do aumento das axudas asociadas ao vacún de leite, de forma que Galicia se beneficiará cuns 11,8 millóns de euros anuais de incremento.

Por outra banda, en relación coa calidade, o conselleiro mencionou tamén a futura Lei da calidade alimentaria, como "panca na que asentamos a produción de proximidade, sa e sustentable, que sempre identifica a Galicia". Rematou a súa intervención agradecendo o labor que realiza o Laboratorio Interprofesional Galego do Leite, o Ligal, "orientado a mellorar a seguridade, a calidade e a rastrexabilidade do produto da nosa terra"

Comentarios