O Goberno local de Silleda deféndese con documentos ante as acusacións do PP

Condena a "actitude retorticeira" dos populares polo caso do salario da traballadora que ocupa o cargo de secretaria do alcalde
Casa consistorial de Silleda. DP
photo_camera Casa consistorial de Silleda. DP

Ante a reiteración por parte do Partido Popular sobre o salario dunha traballadora do concello de Silleda, o grupo de goberno fai constar varios documentos cos que pretende zanxar definitivamente o asunto. Son os seguintes:

O extracto da acta do Pleno de Organización celebrado o 25 de xuño de 2019, no que se acordou o número, características e retribucións do persoal eventual, coa denominación do posto: Secretaria Particular de Alcaldía, e o total de retribucións anuais.

O certificado de retencións e ingresos do IRPF da persoa en cuestión, e dúas nóminas (de novembro de 2020 e a última, de xaneiro deste ano) onde se ve que só se aplica a súba do 0,9%, que se aplica este ano a todos os traballadores e traballadoras públicos, suba á que renunciaron os membros do goberno con dedicación.

Según o grupo de goberno, "o PP aproveita, a sabendas, un erro do departamento de Intervención na elaboración dos orzamentos, ao seguir mantendo a denominación do persoal eventual anterior, e ao transcribir de xeito erróneo o salario deste posto nos orzamentos de 2020. Lamentablemente en lugar de interesarse por aclarar estas cuestións siguen para adiante con acusacións falsas". 

Por último, engaden, "condenamos a actitude retorticeira do PP, que sabe tamén perfectamente que este personal eventual non realiza tarefas de xefa de prensa, e que conta con sobrada experiencia de máis de 20 anos como secretaria e administrativa nunha empresa da comarca". 

Comentarios