O Goberno de Silleda inicia os trámites para construir unha piscina climatizada

Esta ansiada infraestrutura ten un investimento estimado de máis de un millón de euros
Presentación do estudio pola consultora Dosvalor ao alcalde, Manuel Cuiña.
photo_camera Presentación do estudio pola consultora Dosvalor ao alcalde, Manuel Cuiña. DP

O Concello de Silleda xa iniciou as actuacións previas para contar cunha das instalacións máis ansiadas no municipio trasdezano: unha piscina climatizada.

O Goberno municipal xa conta a día de hoxe cun completo estudio de viabilidade desta instalación, onde se recollen todos os datos sobre custes, as potenciais persoas usuarias, e outros parámetros de cara a contar con estas instalacións.

O estudo, que xa foi presentado pola consultora Dosvalor ao alcalde, Manuel Cuiña, establece a dotación dun centro acuático deportivo, que como xa se ten indicado se construirá na zona deportivo-escolar de Silleda, en concreto na parcela municipal ubicada a carón da planta de producción da Rede de Calor con Biomasa.

Neste plan de viabilidade, realizado con distintos parámetros e indicadores, establécese un edificio cunha superficie aproximada de 900 metros cadrados, cun coste de construción estimado en 1.083.129 euros.

O centro acuático deportivo contará cunha piscina climatizada dunhas dimensións de 25x12 metros, así como outras dependencias, entre as que figuran salas técnicas e outras dúas para realizar distintas actividades deportivas, ademais de vestiarios ou sala de recepción.

Para atender este futuro centro, establécese a creación de 11 novos postos de traballo de forma directa.

A proximidade á Rede de Calor con biomasa permitirá ademais reducir prácticamente ao 50% o custe do consumo enerxético da instalación. "Como sempre dixemos, a nosa Rede de Calor, pioneira en Galicia, vai a facer máis viable esta instalación, pola que Silleda leva anos agardando, e que permitirá a veciñanza de Silleda e outras zonas limítrofes dispoñer deste servizo, moi demandando", indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Potenciais usuarios

O estudo establece un número de potenciais usuarios que se sitúa en 1.077 persoas ao ano, tendo en conta ademais a realización de cursos de natación, a maiores do servizo para o público en xeral, fixando ademais taxas e bonos para as persoas usuarias.

Comentarios