Gonzalo Navaza, Motoclub Móvete na Moto e Bernardino Seijas, elixidos Lalinenses do Ano

Consistorio lalinés. DP
photo_camera Consistorio lalinés. DP

Gonzalo Navaza Blanco, o Motoclub Móvete na Moto e Bernardino Seijas Calviño, 'Nardo Bernabé' -a título póstumo-, alzáronse cos premios Lalinenses do Ano 2022, elixidos por un xurado moi plural composto por representantes dos distintos ámbitos nun encontro celebrado na Casa Consistorial.

O escritor, filólogo, tradutor e profesor Navaza Blanco foi distinguido co premio Lalinense do Ano na categoría individual polo seu labor no eido da toponimia e da microtoponimia galegas que lle levou a ser nomeado recentemente membro de número da Real Academia Galega co lectura do discurso Nomes de persoa na toponimia de Lalín. Conta cunha destacada traxectoria como especialista en toponimia, campo no que se doutorou en 1998 pola USC: ten numerosos títulos publicados neste eido como Fitotoponimia galega; é parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos, membro da Comisión da Toponimia de Galicia e foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica, entre outros méritos.

O Motoclub Móvete na Moto obtivo a distinción de Lalinense do Ano na categoría de colectivo polo seu labor como club promotor e organizador do Mundial de Enduro 2022, un dos eventos máis potentes e con maior repercusión deste ano. Coas imaxes deste Mundial Lalín chegou a 51 países, ademais da presenza en múltiples medios de comunicación e redes sociais. Ademais esta competición xerou ao redor de 3,5 millóns de euros de impacto económico e supuxo unha promoción moi importante de Lalín a nivel mundial.

Na categoría de Toda unha vida o premio Lalinense do Ano foi para Bernardino Seijas Calviño a título póstumo pola divulgación da vida social e económica lalinense, pola súa traxectoria como fotógrafo, polo seu labor social (colaboración con Cáritas e outros colectivos) e como empresario, entre outros merecementos.

Os Premios Lalinenses do Ano 2022 serán entregados o 30 de decembro ás 20.00 horas no Concerto de Fin de Ano que terá lugar na Sala Tuno Valdés.

Comentarios