Gotas de "bo bagazo e moita paciencia"

Concurso da Caña do País ▶Coidar a materia prima e mimar o proceso de elaboración é, segundo Antonio García, un dos veteranos 'cañeiros' de Valga, a receita para facer unha boa augardente. El foi o vencedor na categoría de 'Tostada' do concurso que se celebrou a pasada fin de semana para elixir os mellores licores típicos do país.
Tamara Cerneira, Antonio Santiago e Antonio García recollendo os premios como vencedores en Branca de Herbas e Tostada, respectivamente. CEDIDAS
photo_camera Tamara Cerneira, Antonio Santiago e Antonio García recollendo os premios como vencedores en 'Branca' de 'Herbas' e 'Tostada', respectivamente. CEDIDAS

A elaboración de augardente é unha tradición, case un ritual, en Valga. Para premiar as mellores, dende hai anos organízase o Concurso da Caña do País. A última edición celebrouse a pasada fin de semana, no marco da XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País que,por primeira vez, se desenvolveu nas instalacións do novo Centro de Interpretación da Caña do País. Unha muller, Tamara Cerneira Carballeira, fíxose co primeiro premio na categoría de Branca, un galardón consistente en 300 euros. A mellor caña de Herbas foi a elaborada por Antonio Santiago Gregorio, e a vencedora en Tostada foi a de Antonio García Carballeda. Cada un dos dous levou 200 euros de agasallo. Os tres recibiron tamén un diploma e un trofeo.

«Bo bagazo e moita paciencia» é a fórmula de Antonio García, un veterano na arte de preparar este tipo de bebida alcohólica. Ten 75 anos e leva «máis de trinta» destilando. Aprendeu, di, dos antigos cañeiros que ían polas casas. «Antes non había as potas nas vivendas como hai agora», por iso tiñan que agardar a visita dun experto externo para elaborar o licor. Da súa vivenda, di, saíu a pota dun recoñecido "cañeiro". «Chámase Fermín. Facía moita caña e a primeira pota del saíu de aquí da casa onde casei».

«É unha pena que se deixe de facer, porque esta é moi boa zona para a caña. Mágoa que cada vez se consome menos»

Agora García é un habitual no palmarés do concurso local. «Xa teño varios premios. Aínda o ano pasado levei o segundo coa branca», lembra. O bagazo resultante do viño que fai na casa é o que emprega para elaborar a augardente, produto de autoconsumo que non pon á venda. «Este ano fixen pouca, porque o viño estropeouse todo. Hai que deixar de facela... ó non deixar vendela, para que se quere?», recoñece sen expectativas de continuidade na tradición por parte das súas fillas. «É unha pena que se deixe de facer, porque esta é moi boa zona para a caña, pero tampouco se consome moita. É unha mágoa...», engade.

A falta de relevo xeracional nesta elaboración doméstica da augardente preocupa a moitos dos habituais cañeiros, que seguen poñedo empeño para que non se perda o seu bo facer.

34 LICORES ASPIRANTES. Ó concurso presentáronse nesta ocasión 34 augardentes. A precata tivo lugar o xoves pasado. Desa primera selección foron escollidas 24 para pasar á cata final, que se celebrou ó día seguinte. Dela saíron os citados gañadores e designáronse tamén os segundos premios.

Na especialidade de Caña Branca, a prata foi para José Castiñeiras, mentras que Francisco Manuel Santiago Figueira fíxose co segundo posto tanto na categoría de Herbas coma na de Tostada. Estes segundos clasificados recibiron diplomas e trofeos. O certame servíu tamén para presentar a botella conmemorativa desta edición do concurso, un acto que tivo lugar na xornada do venres.

O xurado estivo integrado por Serafín Novo López, Juan Carlos García Busto, Manuel Blanco Picón, Antonio Castaño García e María Dolores Catoira Piñeiro. A entrega de premios celebrouse na tarde-noite do pasado sábado. A ela acudiron, entre outros, a deputada Ana Pastor; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o director xeral de Gandaría, José Balseiros.

Tamén pola noite, no campo da festa, se ofreceu unha degustación de cócteles elaborados con caña, una das saídas a esta bebida, máis alá das gotas para o café ou da popular Queimada. Así, servíronse copas de Morujito, con caña branca, menta, zume de lima e azucre; Válgame Deus, feito con caña branca, licor de herbas e sidras de pera e piña; Herbas de Valga, a base de augardente de herbas, froita da paixón, té e xenxibre; e "Caña de froitos vermellos", feita con caña branca, zume de lima, arándanos e hibiscus. Innovación coa tradición como base que convenceu ó público asistente.

Os cócteles servíronse a un prezo dun euro e foi, dalgún xeito, a maneira de brindar un ano máis pola continuidade dun espirituoso que aínda ten moito que dar de si. Foi tamén a guinda á celebración festiva, que dende o mediodía do sábado se centrou noutro dos produtos estrela de Valga: a anguía. Durante toda a xornada, degustáronse máis de 150 quilos deste peixe do Ulla a modo de tapas. No campo da festa serviuse preparado en forma de croquetas, en empanada e en salpicón. Ademáis, ofrecéronse tostas de anguía con queixo. As catro propostas despacháronse a un prezo de dous euros por tapa.

UN CENTRO PROPIO. A localidade estreou o pasado mes de marzo o seu ansiado Centro de Interpretación da Caña do País. Unha visita da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, refrendou a importancia que a tradición de elaboración de augardente ten para Valga, que, con estas instalacións dedicadas á augardente, dispón agora dun atractivo turístico máis.

Divulgar o legado cultural e histórico arredor da caña e da súa produción é o obxectivo pretendido polo Concello con este proxecto museístico. Na edición do 2017 da Festa da Anguía e da Caña do País, este Centro de Interpretación xa acollera a demostración da destilación artesanal e a pasada fin de semana albergou máis actividades, dotándose de contido.

Comentarios