Unha granxa avícola de Lalín blíndase contra os incendios

A iniciativa xa mostrou a súa eficacia nun recente lume, ao evitar que uns 30.000 polos e a estrutura da nave se visen afectados
Un momento da visita do conselleiro a graxa avícolas Hermanas Granja Fondevila en Lalín. DP
photo_camera Un momento da visita do conselleiro a granxa avícola Hermanas Granja Fondevila en Lalín. DP

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, visitou onte as instalacións da granxa avícola Hermanas Granja Fondevila, en Lalín, que conta cun sistema de protección fronte aos lumes deseñado por un grupo do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Celebrando que a profesionalidade do dispositivo poida estenderse máis aló dos montes da nosa comunidade, o conselleiro lembrou que este sistema xa mostrou a súa eficacia nun incendio recente, ao evitar que uns 30.000 polos e a estrutura da nave se visen afectados.

José González apuntou que se trata dunha ferramenta semellante aos medios utilizados polos bombeiros forestais en lumes de interface, é dicir, naqueles que ameazan zonas poboadas. En concreto, é un sistema de protección que se activa ante a existencia dun incendio, sendo quen de impulsar 15.000 litros por hora nun rango de dispersión de 360 graos.

A maiores, engadiu, trátase dun sistema con varios niveis de protección. Así, dispón de dúas vías de alimentación, de forma que se hai un erro na rede eléctrica, activaríase de modo automático un xerador diésel. Canto aos rociadores de auga, teñen tamén dous niveis de protección. Por unha banda, a supresión de chamas e arrefriamento perimetral de 360 graos, nun radio de 14 metros. Por outra, nun radio de defensa efectivo de 4 metros, a contención da radiación, tamén nun perímetro de protección de 360 graos.

O titular de Medio Rural concluíu enmarcando esta iniciativa na importancia da prevención e da anticipación aos incendios forestais, un dos obxectivos estratéxicos da Consellería que se vén de plasmar, recentemente, no Plan preventivo 2021. Este plan recolle actuacións en máis de 58.000 hectáreas de monte e en 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación, cun investimento que rolda os 30 millóns de euros.