Un total de 200 porcos faleceron este mércores nun incendio rexistrado nunha das cinco granxas de Explotaciones Porcinas Tato S.L. situadas na parroquia de Callobre (A Estrada).
Segundo informaron desde o 112 Galicia, pouco antes das 10.00 horas activouse a alerta cando o 061 avisaba de que se dirixía a esta granxa, aínda que finalmente ninguén precisou asistencia médica. No operativo tamén interviron os membros do GES da Estrada e os Bombeiros do Deza para facer frente ao lume, que a maiores da morte porcina, causou danos no tellado da nave e na instalación eléctrica. Ademais dos axentes da Guardia Civil, acudiu unha patrulla da Policía Local, que situou a orixe das lapas nunha nave colindante. Segundo o dono de Explotaciones Porcinas Tato S.L, José Rafael Tato, a causa está nuns traballos de soldadura que se estaban a facer e todo "sucedeu dunha forma moi rápida. En 10 minutos".
A granxa afectada contaba con máis de 200 porcas preñadas de selección xenética, polo que o incendio supuxo a perda da maioría delas (preto dun 85%), e os supervivintes quedaron en moi mal estado, polo que teranse que sacrificar e mesmo algúns "foron morrendo ao longo do día debido as feridas", afirmou José Tato. A pesares da importante perda, o dono de Explotaciones Porcinas Tato S.L. asegura que puido ser peor, xa que só se viu afectada unha das cinco granxas. Todas elas suman un total de 3.000 animais, "entre leitóns e porcos".

O impacto económico das instalacións afectadas, das que se salvan a estructura do tellado, fiestras e pouco máis, era este mércores "imposible de calcular" para José Tato, pero as perdas que supoñen os animais mortos estima que oscilarán entre os 180.000 e os 200.000 euros. Nos vindeiros días, a empresa valorará o total da cuantía que deberá afrontar.
Tato recibiu este mércores o apoio dos "compañeiros doutras granxas da zona" e tamén de asociacións gandeiras. A súa explotación leva máis de 45 anos no sector adicada a cría da produción de carne de porco, polo que é moi coñecida na comarca do Deza.