domingo. 21.07.2019 |
El tiempo
domingo. 21.07.2019
El tiempo

"Hai moitos desencantados con Cuíña que volverán ó PP"

Crespo, nun prado de Lalín, nunha imaxe tomada polo seu equipo. DP
Crespo, nun prado de Lalín, nunha imaxe tomada polo seu equipo. DP

José Crespo é candidato do Partido Popular de Lalín

En vista do cruce de demandas e acusacións das últimas semanas e días entre o alcalde e Plataforma Aberta Cidadá (PAC), nomeadamente, e vostede, non podo comezar doutro xeito esta entrevista: que cre que van sacar en limpo os electores de toda esta liorta?
Os electores non queren políticos que xeren problemas, como Rafael Cuíña e o seu cuatripartito, senón que os solucionen. Cómpre lembrar que os primeiros en xudicializar a política local foron eles, denunciándonos ao anterior Goberno do PP co obxectivo de inhabilitarnos. Pero esa denuncia arquivouse hai case un ano e, sen dicir nada, seguiron utilizándoa para atacarnos e intimidarnos dunha forma indigna. En canto á denuncia contra Rafael Cuíña e o seu concelleiro de Comercio polo caso dos seguros, entendemos que hai unha prevaricación e un tráfico de influencias de libro, pero agora xa será a Xustiza quen dirima ese tipo de cuestións.

Ten recoñecido que pecou de exceso de confianza nos últimos comicios locais, que o apartaron da Alcaldía logo de 25 anos co bastón de mando. Sente dalgún xeito que sae reforzado despois destes catro anos na oposición ou é máis difícil gañar agora unhas municipais desde a súa nova posición, fóra do Goberno?
O que percibo na rúa é que hai moito cansanzo entre os lalinenses coa forma de gobernar do cuatripartito. Lalín non está mellor hoxe que hai catro anos, outros concellos adiantáronnos en moitos parámetros e, o que é máis preocupante, entristéceme ter que dicir que hai xente que ten medo a expresar libremente a súa opinión polas represalias que o Goberno poida tomar contra eles. En Lalín hai algunhas familias que pensan que seguimos na época feudal e nós queremos poñerlle fin a esta etapa escura. Agora que a xente xa coñece a Rafael Cuíña e pode comparar, estou convencido que moitos desencantados con el polas súas mentiras e falcatruadas voltarán verse representados no PP.

Cal é o proxecto do PP para a localidade? Propón un Lalín diferente ou unha continuidade do traballo que fixo ata 2015 na Alcaldía e de proxectos que, por perder os comicios hai catro anos, quizáis non puido levar a cabo?
Neste arranque da campaña vimos de asinar un contrato cos lalinenses para garantirlles que se goberna o PP o mesmo día 27 de maio comezaremos a traballar nas cuestións estratéxicas para que Lalín volva ser un referente en toda Galicia e un concello envexado: a cuarta fase do polígono Lalín 2000, o Centro de Servizos Integrados, a pista de atletismo, o parking gratuíto, 5 millóns de euros para a rede viaria rural, a creación dunha gran praza á carón da igrexa, etc. Todos eles, proxectos que configurarían un mellor Lalín. Pola contra, se non conseguimos maioría absoluta, do que se falará o 27 de maio será das liortas polo reparto das dedicacións exclusivas e das concellerías, etc.

O horizonte político de Lalín non pode semellar máis fragmentado. Son oito candidaturas concorrendo á Alcaldía o 26 de maio. Está aberto a pactos en caso de non obter a maioría?
No Partido Popular sempre saímos a gañar os partidos, non a empatar e moito menos con resultados amañados previamente, como fan os demais, que xa negociaron ás costas dos veciños. En Lalín só hai dúas opcións reais: ou goberna o PP con Pepe Crespo de alcalde ou goberna Rafael Cuíña, porque un voto para Román Santalla servirá para facer a Cuíña alcalde; un voto para Francisco Vilariño fará a Cuíña alcalde; e un voto para Lara, tamén fará a Cuíña alcalde. Incluso os votos ás demais forzas, polo risco de que non obteñan representación, tamén axudarían a facer a Cuíña alcalde.

Sei que non deben extrapolarse os resultados dunhas xerais para unhas municipais, pero teme que a baixada xeral de votos do PP o pasado domingo 28 de abril se repita nas locais do próximo 26M?Estamos nun escenario completamente distinto e aquí non hai nada decidido, por moito que algúns se empeñen en afirmar o contrario. En canto ás Xerais, co resultado que nos quedamos no PP é que Lalín foi o concello de máis de 20.000 habitantes que resultou a mellor porcentaxe de votos de calquera dos partidos, xa non só do PP, senón de todos. Polo tanto, dentro da conxuntura xeral, non foi un mal resultado nin moito menos.

"Hai moitos desencantados con Cuíña que volverán ó PP"
Comentarios