A Festa da Xuventude volve por todo o alto na súa XIV edición, que se celebrará o vindeiro 2 de xullo na área fluvial de Vilarello. A emblemática banda Heredeiros da Crus encabeza o cartel musical. Estarán acompañados polos Festicultores, que abrirán as actuacións a partir das 22.30 horas.
Ademais dos espectáculos musicais, durante toda a xornada do sábado disputaranse en Vilarello as Olimpíadas da Aldea, para as que está aberto o prazo de inscrición. Poden participar equipos formados por un mínimo de 4 persoas e un máximo de 6, todos a partir de 15 anos de idade. Os conxuntos serán mixtos e contarán cun mínimo de dúas persoas de cada xénero.
Disputaranse simultaneamente ata cinco xogos e deportes: fútbol praia, brilé, carreiras de sacos, o cangrexo e unha xincana. En cada un outorgaranse as correspondentes medallas douradas e prateadas aos primeiros e segundos clasificados, ademais de gratificalos con 200 e 100 euros, respectivamente. En total, repartiranse 1.500 euros en premios. Unha vez rematadas as competicións, designarase ao campión absoluto das Olimpíadas, que será o equipo que máis medallas douradas acumule. En caso de empate, terase en conta o número de medallas prateadas.
O prazo para anotarse estará aberto ata as 13.00 horas do 1 de xullo entregando no Concello a folla de inscrición ou enviándoa ao enderezo [email protected].