Houbo que esperar dous anos, pero o coñecido grupo Heredeiros da Crus tocará este verán no concello de Forcarei. O Goberno municipal conseguiu que actúe finalmente nas vindeiras Festas da Dores, despois de ter cancelado o concerto previsto para o ano 2020 que non se puido celebrar debido á situación sanitaria derivada da pandemia polo coronavirus.
Desta maneira, a actuación da banda liderada por Toñito de Poi, Javi Maneiro e Fran Velo será un dos pratos fortes da programación do verán no concello forcaricense e o Goberno local está convencido de que encherá a Praza da Igrexa o sábado das Dores, que será o 27 de agosto.
"Estamos moi contentos de poder anunciar este concerto tan esperado. O maldito covid impediu celebralo antes, pero agora por fin podemos achegarnos á antiga normalidade, e seguro que será moi especial, pois os Heredeiros celebran este ano o seu 30 aniversario enriba dos escenarios", resaltou a alcaldesa, Verónica Pichel.
Este concerto será financiado a través do programa Musigal, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego.
O vindeiro 11 de abril Heredeiros da Crus lanzará novo disco en todas as plataformas dixitais, un concerto gravado en directo o pasado mes de novembro no Palexco da Coruña.