A hostalería de Caldas recibirá axudas directas por importe de 100.000 euros

O Concello destina 72.000 euros, máis dun 1% do seu orzamento, aos que se suman 28.000 euros da Deputación
Un negocio de hostelería caldense no pasado Nadal, antes das últimas restriccións das últimas semanas. DP
photo_camera Un negocio de hostalería caldense nas pasadas Navidades, antes das duras restricións das últimas semanas.

O Concello de Caldas de Reis ten previsto aprobar no orzamento deste ano, que se presentará ao Pleno do mes de marzo, diversas liñas de apoio ao sector da hostalería e outras actividades afectadas pola crise do coronavirus. A principal será unha liña de axudas directas ás empresas hostaleiras e de outro tipo afectadas polos peches das súas actividades con motivo das restricións ordenadas pola Xunta de Galicia para frear a propagación do virus. A esta liña destinarase máis do 1% do orzamento municipal, máis de setenta e dous mil euros, aos que se sumarán os máis de vinte e oito mil que aportará a Deputación de Pontevedra ao Concello de Caldas, correspondente tamén ao 1% do orzamento provincial distribuido entre os municipios. A estas axudas directas, a vila termal destinará, por tanto, cen mil euros, contando co apoio do organismo que preside Carmela Silva.

Por outro lado, o Concello está a estudiar coa Asociación de Hostalería de Caldas a renovación do convenio de colaboración para apoiar as súas actividades, como tamén farase coa Asociación Centro Comercial Aberto. Nas últimas reunións mantidas cos dous colectivos valorouse positivamente a actividade do mes de decembro e as diversas liñas de apoio postas en marcha o pasado ano, como a adquisición de materiais de prevención, as campañas de promoción ou a elaboración do plan de continxencia para ambos sectores que será presentado a próxima semana. No 2021 o Concello reforzará sustancialmente as partidas destinadas á promoción turística e comercial de Caldas nas que ten previsto destinar este ano máis de cen mil euros para reactivar a economía local.

O alcalde, Juan Manuel Rey, e o equipo de goberno amosan o seu apoio á concentración convocada para este mércores ás 11 horas pola Asociación de Hostalería de Caldas e da Plataforma na Defensa de Hostalería Galega en demanda dun plan de rescate real para o sector, ao entender que o actual ofrecido pola Xunta non cumpre coas necesidades do sector.

O rexedor lamenta que "a Xunta non destine máis recursos a este sector, como era a súa obriga tras ordenar os peches de determinadas actividades e negocios e contar para elo, ademásis, coas transferencias do goberno central". Tampouco entende que "impedise posteriormente un plan de acción conxunta coas deputacións e os concellos para destinar o 1% do seu orzamento, como si farán a Deputación de Pontevedra e o Concello de Caldas". Finalmente, sorpréndese "do apoio do PP local a esta concentración cando a competencia e a responsabilidade para axudar aos sectores afectados pola crise é da propia Xunta de Galicia e é evidente que os seus plans son insuficientes económicamente e deixaran fora moitas pequenas empresas afectadas cos requisitos establecidos para acceder a estas axudas".

Comentarios