As Festas de Verán de Silleda comezarán mañá, día 6 de xullo, ca que é xa a terceira edición do Lacón Rock Stars na praza Siñor Afranio. O concerto, que arrancará despois do chupinazo na propia praza, abrirá catro xornadas intensas de celebracións na capital municipal, con programacións para todos os públicos.
O concerto rock contará con dúas formacións locais como son Berty and The Jeremys e Sagafuga. Estas agrupacións con músicos silledenses serán os encargados de abrir a noite na que seguirán as actuacións de Recambios Tucho, o grupo galego de rock nado no seo de Herdeiros da Crus e encabezado por Tuchiño que versiona clásicos do rock and roll; e a banda coruñesa de punk rock Another Wasted Year.
O venres, xornada festiva no municipio de Silleda, o protagonista será o lacón, ca cita gastronómica celebrando o seu 23 aniversario na praza de Juan Salgueiro, onde as celebracións comezarán xa a mediodía. Así, ás 12.00 horas terá lugar o pasarúas do grupo Aires do Trasdeza do CPR María Inmaculada, que actuará na praza xunto cos grupos de Acordeóns e Gaitas da Escola de Música Municipal. Ao remate haberá unha degustación de produtos elaborados con lacón.
O deporte tamén terá o seu espazo na programación na xornada de festivo local, co torneo Kids League 3X3 no Estadio Outeirio-Joselu Mato a partir das 15.00 horas. Pola tarde actuarán na praza as Bandas Infantil e Xuvenil de Silleda, na antesala da cea que reunirá a preto de 1.500 persoas na cita organizada dende a Asociación Cultural O Lacón.
Ás 01:00 horas comezará unha das citas máis agardadas na rúa Pintor Colmeiro: a verbena ca orquesta madrileña La Misión, cun gran montaxe de luz, son e posta en escea para todos os públicos. Disco Móvil Chocolate completará a verbena dunha das principais xornadas das Festas de Verán de Silleda.
O sábado será un día protagonizado pola animación nas rúas. Abrirá a xornada o pasarrúas da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira que ofrecerá un concerto ás 13.30 na Avenida do Parque. A charanga BB+ e a Batucada Os Vikingos animarán as rúas e establecementos hostaleiros tanto na sesión vermú como pola tarde, á partir das 18.30.
A animación das rúas tamén chegará pola tarde, a partir das 17.30 para o público máis novo da man da actuación Con Tom e Son, a través do programa Cultura no Camiño polas rúas principais. A Banda de Música Municipal de Silleda ofrecerá ás 20.00 horas un concerto na praza Siñor Afranio e a noite estará amenizada pola Charanga BB+, o Grupo Tentacións DJ Carlos López e DJ Calwin.
O domingo día 9 as festas rematarán cas bandas de novo como protagonistas. A Banda de Música Municipal de Silleda fará o pasarrúas e a sesión vermú na avenida do Parque. A misa estará cantada pola Coral Polifónica Trasdeza.
Pola tarde, sobre as 18.00 horas, está prevista unha Gynkana para os máis cativos no entorno da praza Juan Salgueiro. No concerto da tarde (19.30) a formación local estará acompañada pola Banda de Música de Vilatuxe, na praza Siñor Afranio.
O remate de festa será na avenida do Parque co grupo Supermirafiori e DJ Kintana, tamén con fogos de artificio. O Concello de Silleda, que colabora na loxística dos festexos, agradece o traballo e esforzo tanto da Asociación Xuventude de Silleda como da Asociación Cultural O Lacón na organización das festas.