domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

O informe ambiental permite avanzar na construción do centro de saúde de Caldas

Parcela onde está prevista a construción do novo edificio do centro sanitario. DP - Centro de saúde de Caldas
Parcela onde está prevista a construción do novo edificio do centro sanitario. DP
O alcalde, Juan Manuel Rey, sinala que "estamos sendo dilixentes e demostrando eficacia na xestión"

O Diario Oficial de Galicia (Doga) publicou este martes o anuncio polo que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental Sostibilidade e Cambio Climático fai público o informe ambiental estratéxico que dá luz verde ao Plan especial de Infraestruturas e Dotacións necesario para poder urbanizar e ordenar a parcela de equipamentos de sistema xeral ofrecida polo Concello de Caldas de Reis na parroquia de Santa María para a construción do futuro centro de saúde.

O alcalde, Juan Manuel Rey, mostrouse satisfeito con este novo avance e sinalou que "é o exemplo de que o goberno municipal está poñendo todo o que está na súa man para a construción do novo centro sanitario. Estamos sendo dilixentes e demostrando eficacia na xestión ao traballar para cumprir minuciosamente con todos os trámites administrativos necesarios para poder urbanizar a parcela e facer realidade o novo edificio do centro de saúde".

O próximo paso será o de redactar o definitivo Plan Especial de Reforma Interior (Peri) que terá por obxecto a ordenación da parcela dotacional situada ao sur do núcleo urbano. A superficie de actuación ten un ámbito de 6.867,28 m2 e está delimitada polo Pxom como sistema xeral de equipamentos E-151, e incluída no ámbito de solo urbano non consolidado á que se engaden terreos para garantir a conexión do viario coa avenida de Dona Urraca e o Camiño de Santiago situado ao leste. A ordenación proposta establece tres parcelas: dúas para a localización do novo centro de saúde e para a posible ampliación do actual cuartel da Garda Civil en continuidade coa parcela que alberga as dotacións existentes e unha terceira para o edificio da Escola de Música.

Segundo a resolución pola que se formula o Informe de Impacto Ambiental estratéxico, o Plan Especial que permitirá a urbanización da parcela non terá "consecuencias ambientais negativas relevantes derivadas da urbanización do ámbito, dada a topografía chaira da parcela e o elevado grao de antropización da zona". Tampouco se detecta "a existencia de valores naturais que poidan verse afectados directamente polo desenvolvemento do plan.

Malia todo, como o perímetro leste do ámbito do plan coincide coa traza do Camiño Portugués o informe sinala que "deben concretarse unhas condicións de edificación e urbanización que favorezan a integración da fachada que dá fronte ao Camiño". Así, a Xunta de Galicia resolveu non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o Peid para ordenación da parcela, recomendando, non obstante, ter en consideración unha serie de medidas propostas pola Dirección Xeral de Patrimonio para favorecer a integración ambiental e patrimonial do novo edificio e elaborar un estudo que concrete as medidas necesarias para asegurar unha "adecuada integración paisaxística".

O informe ambiental permite avanzar na construción do centro de...
Comentarios
ç