Isaac Díaz Pardo inspira 263 novas obras

O proxecto que conmemora o centenario do nacemento deste ilustre galego recibiu pezas artísticas procedentes dos cinco continentes, o que indica o grande agarimo e admiración que provoca o polifacético artista compostelano
Obra correspondente a María Rey. CEDIDA
photo_camera Obra correspondente a María Rey. CEDIDA
Dende principios de xullo de 2020 o colectivo Alento Esbravexo vén de desenvolver conmemoracións do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, unha das figuras máis necesarias e representativas do século XX e parte do actual. Por mor diso, botaron a andar o proxecto Unha manda de pezas para Isaac, que consistiu en que cada particular, artista, persoa do mundo da escrita, da música ou doutros eidos contribuíse a honrar a Díaz Pardo mediante a obra que considerase.

Mercé dese chamamento, chegaron centos de pezas que, a partir do 20 de xullo do ano pasado, fóronse publicando todos os días -de xeito ininterrompido- até o día 7 de abril deste ano, data na que remata tal proxecto cun total de 263 participacións.

Obra correspondente a Manolo Figueiras. CEDIDA
[Manolo Figueiras]
 

Todas as mandas pódense ver e consultar no blogue (https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/), polo que -a teor delas- certifícase o grande agarimo que se lle tiña a este ilustre das artes plásticas galegas.

As pezas enviadas proceden de diversos recunchos de Galiza, se ben hai colaboracións de Barcelona, Madrid, Angola, Australia, Bélxica, Cuba, Nova Zelandia, Xapón e Bélxica. En resumo, obtivéronse participacións dos cinco continentes.

Obra correspondente a Manuel Blanco. CEDIDA
[Manuel Blanco]
 

Ilustracións, pinturas, fotografías e esculturas son os tipos de pezas que máis abondaron dentro das artes plásticas, máis tamén apareceron caricaturas, obras cerámicas, gravados, pirogravados, cadernos de campo, colaxes, instalacións, pezas de arte conceptual, medio ambiental, corporal e murais.

Así mesmo, existe un número bastante significativo de pezas musicais alén de obras clasificábeis dentro do eido da ourivería. Zocos, obras téxtiles, bordados ao aire e bordados sobre fotoimpresión e vídeos forman parte deste inmenso testemuño de cariño e homenaxe. Por outra banda, dende a escrita, certificouse a presenza de todos os xéneros literarios agás o teatro, destacando por enriba de todos a narrativa, a poesía e o ensaio.

Obra correspondente a José Luis Rial Varela. CEDIDA
[José Luis Rial Varela]
 

Por se isto resultase pouco, contouse asemade con exposicións, mandas vinculadas ao escaparatismo e outras de tipo gastronómico.

No que afecta ás persoas participantes cómpre subliñar que houbo moitas destacadas tanto no eido da ilustrución e artes plásticas como da escrita máis contemporánea e vangardista. Porén, moitas persoas amigas ou admiradoras de Isaac Díaz Pardo -como proxecto cidadán que intentouse lanzar- foron quen de entregar as palabras, agarimos ou obras para honrar este bo e xeneroso de Galiza.

Obra correspondente a Cris Bamio. CEDIDA
[Cris Bamio]

Na vangarda deste proxecto de homenaxe a un dos grandes referentes da cultura galega está o colectivo do Alento Esbravexo, formado por sete persoas: Pilar Sampedro, Maka Arca Camba, Ana Iglesias Otero, Eva Liñeira, David Otero, Martiño Picallo e Héitor Picallo.

Con altruismo e sen recursos lograron superar unas expectativas que no comezo desta idea ninguén puido imaxinar alcanzar. Preto de 300 mandas e un recoñecemento que chega de todos os recunchos do planeta. Un agasallo de lembranzas e admiración para celebrar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo.

Comentarios