lunes. 06.04.2020 |
El tiempo
lunes. 06.04.2020
El tiempo

PABLO CARRACEDO 'JASPER', GUITARRA E VOZ DE NAO

"Nao foi quen de construír unha gran familia de miles de persoas"

Jasper na sua vila, A Estrada. PATRI FIGUEIRAS
Jasper na sua vila, A Estrada. PATRI FIGUEIRAS

'Adeus e grazas' é o título do concerto de despedida do grupo estradense, que se celebrará o próximo sábado en Santiago de Compostela e que porá punto e final a máis dunha década sobre os escenarios creando unha conciencia crítica nos mozos e mozas galegas

É un adeus ou un ata logo?
É un adeus. Fai xa uns anos nós xa sabiamos que isto tarde ou cedo ía a rematar e quixemos facer un esforzo final para que rematara estando o máis arriba posible e afortunadamente conseguímolo. Nesta decisión inflúen moitas circunstancia: vida familiar, traballo, etcétera. É un adeus e a nosa idea é non regresar.

Como un grupo que nace nun concello como é A Estrada chega ata onde chegou?
Traballando moito. Os inicios foron moi complicados. Eu sempre lle digo á xente que ven detrás que a clave de todo isto é o esforzo e o sacrificio persoal. Moitas veces tivemos que poñer cartos do noso peto para que isto saíse adiante. Pero logo funcionou porque soubemos tocar a tecla da xente. Hai moitos grupos que teñen moita calidade e non acaban tendo éxito. No noso caso xuntouse a sorte con saber premer o botón que fixo que a xente se enganchara con nós, e unha vez que tes á xente do teu lado empezan a chegar os festivais e empezas a encher salas. Medramos moitísimo máis do que plantexamos cando foi do Apocalipse no 2015, cando dixemos que o íamos a deixar. Estamos no 2019 e o grupo está a anos luz daquel teito de cristal que tiñamos daquela.

"Para os fans de Nao vai a ser un concerto inesquecíbel e para o que nunca nos veu vaille chamar moito a atención"

En que momento decidiron deixalo?
No 2015, cando pensábamos que tocáramos teito. Houbo un momento na historia da banda que críamos que íamos ter que deixar isto sen conseguir chegar a toda a xente que queriamos e que o grupo ía fracasar, porque nos pesaban temas familiares e de traballo e porque había cambios de formación. Pero o grupo funcionou. No disco de Cancións de amor e liberdade puxemos toda a carne no asador, e pensamos que se de esa non ía pois era imposible que fora dalgún xeito. E foi, e logo gravamos Cartas no caderno, que enganchou a moita xente. Unha vez logrado o obxectivo tiñamos curiosidade por que máis había fora diso, e o que hai é que o grupo segue tocando con éxito e vai a festivais de toda Galicia. Pero isto ía a acabar pasando. Decidimos ser precavidos e darlle un apurón, facer tres discos derradeiros con partes documentais para deixar o grupo o máis arriba posible.

Cando se deron conta de que realmente a súa música chegaba á xente?
No 2015. Sobre todo cando fixemos a canción de Porque este Soño é necesario para un Soño con Mini nunha campaña electoral de Nós Candidatura Galega, que se fixo viral. Pensamos que fora polas circunstancias políticas que había, sen embargo toda a xente da candidatura estaba convencida de que foi viral porque Nao o estaba sendo. Foi cando nos demos conta de que o grupo se puxera de moda. Nunca se achegara a música cantada en galego e de repente estabamos de cabeza de cartel dos festivais e decatámonos de que isto xa despegara.

Jasper na sua vila, A Estrada. PATRI FIGUEIRAS - InteriorDe feito Nao foi un grupo pioneiro en apostar pola música en galego.
Eu levo na música desde o ano 1996 e había moi poucas bandas que cantaban en galego. Co paso do tempo viñeron grupos e foron formando a escena rica que temos. A nós tócanos a partir do 2005. Como digo eu, houbo uns pioneiros prehistóricos e logo estabamos o resto que a partir dese ano puxemos a escena de moda. Hoxe en día é un orgullo que temos, que fomos quen de ser cabeza de carteis e que somos a chamada dos festivais para que a xente vaia. Hoxe en día nos festivais da comunidade a maioría dos grupos cantan en galego. O público demanda grupos como Terbutalina, Dakidarría ou Nao.

Nao naceu para "sementar o xermolo para crear unha conciencia crítica na xente". O obxectivo está cumprido?
Queda moitísimo por facer. Nós temos un inimigo diante no sentido de que o que nós podemos facer neste taboleiro de xadrez é mínimo. Intentamos explicarlle á xente a través da música o que nós pensamos e abrirlles a mente. Procuramos crear unha conciencia crítica nas cabezas da xente, que collan folgos, esperanza. Que a xente se sinta orgullosa de ser galega, do seu idioma e da súa terra, incluso da nosa climatoloxía (ri). E sobre todo que nos deamos conta que somos unha gran colectividade, un pobo rico e propio nun mundo global moi grande. Moito disto si que conseguimos, pero a batalla ten que seguir. Hai que caer, erguerse e loitar sempre.

Non botarán de menos isto?
Si, moitísimo. Xa o botamos de menos agora e aínda non rematamos. A ovación da xente é única. Botaremos especialmente de menos a nosa relación, porque hoxe en día temos un punto común, que é esta gran barca que se chama Nao, na que todos remamos xuntos. E iso é o que máis mágoa me da, que imos a tardar en vernos.

"O agradecemento aos fans será eterno. Esperamos vervos o sábado para darvos o ‘Adeus e grazas’ que vos merecedes"

A despedida do sábado será ao grande.
Queremos facer algo que a xente non vira. Queremos repasar a nosa discografía e para iso faremos case tres horas de concerto, no que nos acompañamos de máis de 15 colaboradores e colaboradoras do máis nutrido da escena galega. Vaise a gravar un vídeo que sacamos á venda, só cen copias, e a xente poderá adquirilo por anticipado. É un minifestival que fai Nao de despedida. Vai a ser moi emotivo. Para o que é fan de Nao vai a ser unha experiencia inesquecíbel e para o que nunca nos veu a vai ser algo que lle vai a chamar moito a atención.

Con que vos quedades de todos estes anos que durou o grupo?
Con toda a xente que coñecemos, e en especial coa gran familia que construímos arredor nosa, porque somos xente moi aberta e moi cercana e que está nisto da música para crear conciencia, un vínculo na sociedade que moitas veces non existe polo individualismo, porque todo o mundo se encerra nas súas casas e Nao rompeu isto e conseguimos ir a un concerto e que a xente nos coñeza e nos siga, e a que ven por primeira vez sempre nos presentamos…e estamos xuntos. Fomos quen de construír unha familia de miles de persoas.

Algo que dicirlle aos fans de Nao?
Que moitísimas grazas por todos estes anos. O grupo non tería sido nada sen o seu apoio. O agradecemento será eterno. Esperamos vernos o 7 de decembro para darvos o Adeus e grazas que vos merecedes.

"Nao foi quen de construír unha gran familia de miles de persoas"
Comentarios