jueves. 25.02.2021 |
El tiempo
jueves. 25.02.2021
El tiempo

José Ángel Gestoso déixao: "Estiven 35 anos moi a gusto; agora deixamos a empresa nun momento bo"

José Ángel Gestoso e a súa dona, María Amparo Valdés, no seu concesionario da Estrada, do que se desvencellarán o 30 de marzo. PATRI FIGUEIRAS
José Ángel Gestoso e a súa dona, María Amparo Valdés, no seu concesionario da Estrada, do que se desvencellarán o 30 de marzo. PATRI FIGUEIRAS

Xusto no ano no que se cumpre medio século da fundación de Automóviles Gestoso, a empresa creada por seu pai na Estrada, o director comercial desvencéllase da firma poñendo punto e final á tradición familiar e a un negocio que logrou conquistar, baixo o selo Renault, o mercado da provincia de Lugo e o dunha boa parte da de Pontevedra

Seu pai fundou Automóviles Gestoso, na Estrada, en 1968. O "gran salto" da firma foi cando se constituíu en sociedade en 1995, xa con el na dirección, ó asumir o mercado de Pontevedra. Cinco anos despois, fixo o propio con Vilagarcía e, en 2003, con Lugo. Dende hai dez anos, logo de vender o 50% da firma, traballa baixo o selo de Ibericar Gestoso. O próximo 30 de marzo, José Ángel Gestoso Secho e a súa dona, a pontevedresa María Amparo Valdés Piñeiroa, "moi activa en todo o proceso", desvencellaranse definitivamente da empresa, poñendo punto e final a 50 anos de tradición familiar dedicada ó mercado automobilístico.

Que o levou a tomar esta decisión?

Despois de 35 anos que levo eu (meu pai faleceu hai un par de anos), o que me levou a tomar a decisión foi, sobre todo, dúas cousas: primeiro, que non hai unha continuidade clara e, segundo, que creo que nos chega a hora sempre a todos. Hai un principio e un fin. Vou facer 58 anos e estiven no mundo do automóbil 35 moi a gusto con todo o mundo. Deixamos a empresa nun momento bo, porque tampouco sería de recibo facelo no momento da crise. Agora a empresa xa saíu dela e empeza a fortalecerse outra vez. Este ano, a verdade, foi un éxito total porque fomos líderes tanto na provincia de Pontevedra como na de Lugo e economicamente tampouco estivo mal. A empresa está moi traballada e hai moi boa xente nela. Cando tiñamos que contratar plantel, o primeiro que mirabamos era o tipo de persoa que era, moitas veces máis que o que sabía.

Os motivos
"Tomei a decisión de poñer punto e final á tradición familiar, primeiro, porque non hai unha continuidade clara"

Cando fala de falta de continuidade refírese ó relevo xeracional?

Claro. Continuidade, por suposto que esta empresa ten moita. Á parte, non creo que a partir de agora haxa moito vaivén, no sentido en que non creo que haxa moitos cambios con respecto ó que se vén facendo.

Na práctica, que vai supor a súa marcha e a da súa muller?

Todo vai seguir igual, o único que se vai é unha persoa, que neste caso son eu, que son o xerente. Vendín o 50% que me quedaba. Quen queda á fronte é o Grupo Ibericar, que é moi forte a nivel de España, cunha morea de marcas. E tamén é importante en Portugal.

Concesionario primixenio
"O primeiro coche que vendín puido ser un R-9 ou un R-5. Xa daquela chegamos a despachar case 800 vehículos ó ano"

Vostede criouse entre coches. Lembra cal foi o primeiro que vendeu?

Uff... non me lembro! Debeu ser alá polo ano 82, que foi cando empecei. Puido ser un R-9, un R-5 ou algo así. Eu estiven cinco ou seis anos no taller e logo pasei a vendas. Daquela aínda estaba meu irmán Manolo, que no 90 ou no 91 comprou a Renault de Fuengirola e foise para alá.

Dende entón cambiaría moito o mercado, tanto a nivel de oferta como de demanda...

A forma de vender antes era moito máis amizosa, por dicilo dalgunha maneira. Agora hai redes sociais e moita información no exterior e a xente moitas veces chega sabendo máis do que sabemos nós. O coche é o segundo produto máis caro na vida do comprador, despois da vivenda, e á xente interésalle o que vai mercar. Igual tamén antes, pero eran necesidades distintas. Por exemplo, hai 35 ou 40 anos un coche podía tardar en chegar ata nove meses. Agora hai moita máis demanda, pero tamén moita máis oferta. Dicía esta semana un xefe nunha reunión do plan de vendas para este ano que o automóbil dos próximos dez anos vai cambiar tanto como os últimos 50. Xa se está notando na dixitalización e no marketing, que hai dous ou tres anos non influía tanto.

Crecemento
"Renault tirou de nós. Cando me chamaron para ir a Pontevedra non o pensei nin dous segundos"

Cantos vehículos vendía nun ano no seu concesionario primixenio da Estrada e cantos vende agora?

A verdade é que na Estrada temos que enorgullecernos porque eramos unha empresa pequeniña. Tiñamos A Estrada coas axencias de Silleda, Lalín e Soutelo de Montes e chegamos a vender case 800 coches ó ano, xa daquela. Eramos unha empresa moi forte. Así, grazas a ser fortes convertémonos nunha firma grande. Loxicamente, Renault tamén tirou de nós. Tiñamos unha actividade moi forte nas vendas. Eramos pequeniños, pero moi rebulideiros, como se adoita dicir. Cando me chamaron para ir para Pontevedra nin o pensei dous segundos. Despois tamén contaron con nós para Vilagarcía e Lugo. Iso foi froito de que na Estrada fixemos un gran labor. A nivel global, o máximo que vendemos foi no 2007: 2.987 coches. Na Estrada, agora véndese a metade que daquela, arredor de 350 unidades, pero tamén é certo que os tempos son diferentes. Antes cubriamos máis zona que a que hai agora. 

"Vou seguir activo, pero hai que saber marchar e é máis complicado cando estás arriba"

José Ángel Gestoso Saborido, 'Secho'. DP

Pon punto e final a unha etapa. En que centrará os seus esforzos?

Vou seguir activo. Un empresario non se xubila case nunca (ri). Temos catro negocios máis: unha gardería en Santiago de Compostela, que leva a miña filla; Seguros Gesval, unha xestoría e unha axencia do Banco Santander en Forcarei.

Deixa con pena o mundo do motor?

Claro que si. Despois de 35 anos, teño sentimentos encontrados. Sei que estou facendo o que teño que facer, quero facelo e pensei moito neste momento. Non sei se liches a Delibes, pero La hoja roja chéganos a todos. Con 57 anos non quero volver empezar co tema dixital e todo isto. Deixei o fútbol con 28 anos porque non quería ir por aí dando pena nos campos. Hai que saber marchar, pero é máis complicado facelo cando estás arriba. É verdade que deixo moitos amigos e un negocio que coñezo perfectamente. Deixo moitísimas cousas.

José Ángel Gestoso déixao: "Estiven 35 anos moi a gusto; agora...
Comentarios
ç