José López Campos, alcalde de A Estrada (PP)

"Teño fe cega na Alameda; creo que é a mellor herdanza a deixar"

Séntese "orgulloso" de gobernar o concello de España co maior grao de execución da Dusi, o 60% a día de hoxe, aínda que lle queda "a espiña" de non deixar feito o 40% restante, co que pretende converter "nunha Estrada verde" á localidade. "Quedará para o próximo mandato", asegura

José López, sentado na súa cadeira da Alcaldía, á que chegou hai oito anos. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera José López, sentado na súa cadeira da Alcaldía, á que chegou hai oito anos. PATRICIA FIGUEIRAS

SE HAI UN PROXECTO que marcará a historia deste último mandato na Estrada é a ampliación da Alameda, cos seus defensores e detractores. Tamén a nova Escola Infantil ou o Centro de Saúde, en construción. Obras das que fai repaso o alcalde, José López.

Que posición diría que ocupa A Estrada no mapa provincial en termos sociais e económico?
Temos fortalezas e importantes ameazas. Entre estas últimas, a vertebración territorial. Necesitamos urxentemente unhas vías de comunicación que nos sitúen no século XXI. A autovía a Santiago e a variante son fundamentais. Dende que aprobamos o PXOM, A Estrada ten un potencial enorme. Temos que seguir apostando por políticas de fomento da natalidade, como a posta en marcha do primeiro centro de conciliación, ou por ser dos poucos concellos de Galicia que ten máis do 50% de cobertura de prazas en escolas infantís públicas. A Axega e a Agasp déronnos un pulo imporante tamén. Creo que o pobo está funcionando ben, pero necesitamos esas infraestructuras e políticas de discriminación positiva que nos axuden a impulsar un pouco a parte económica e poboacional.

Comunicacións
"Necesitamos con urxencia vías que nos sitúen no século XXI. A autovía a Santiago e a variante son fundamentais"

Fala do PXOM. Neste último mandato quedou ratificado xudicialmente. É unha peza fundamental?
Foi o reto máis complexo ó que nos enfrontamos os últimos oito anos. Supuxo moitísimo desgaste, pero a ratificación xudicial foi o espaldarazo ó traballo ben feito.

Case o mesmo desgaste que a ampliación da Alameda? As críticas a este proxecto quitáronlle o sono máis dunha noite?
Para nada, ó contrario. Na Alameda teño unha fe cega. Recórdame moito ó que pasou coa Baiuca, cando hai catro anos se nos criticou por demoler o vello campo de fútlbol e facer outro novo, supostamente por certos intereses especulativos. Hoxe ninguén discute que foi unha das grandes operacións urbanísticas da historia. Hoxe temos alí unha escola infantil e a construción dun dos mellores centros de saúde de toda Galicia. E temos máis do dobre do terreo que temos ocupado para facer unha Residencia, un Centro de Día e calquera tipo de infraestrutura pública que necesitemos. E o tema da Alameda, igual. Como ninguén pode criticar a decisión, porque a ampliación foi unha reivindicación histórica da sociedade estradense, as queixas son pola estética da praza, que é un 15% do que é a totalidade do proxecto. Houbo moitas críticas, pero agora que está avanzada percíbense moitísimas menos. A Alameda é a mellor herdanza que lle podemos deixar ás xeracións futuras e creo que todos nos imos sentir moi orgullosos de tela feito.

As obras van en prazo?
Si, depende da climatoloxía, pero temos a seguridade de que antes das Letras Galegas poderemos tela en uso para que veciños poidan empezar a disfrutala. O que aínda non teremos, ou estaremos empezando a instalar, serán os xogos infantís.

Rural
"O que se está facendo coa mazá pódese extrapolar á xestión forestal, un cabalo de batalla e outro dos nosos retos"

Estase a traballar moito na recuperación da produción de mazá e sidra e no seu potencial turístico. Que futuro lle ve ó sector?
Hai sete anos, cando nos trasladaron a posibilidade de crear un pequeno modelo productivo, pechar o ciclo e que todo o circuito económico quedase na Estrada, pareceunos unha idea fantástica. É a mostra de como a colaboración entre os particulares e a administración pode levar a que hoxe A Estrada sexa un referente. A festa da sidra é unha das grandes, cun potencial ilimitado. O que se está facendo coa mazá pódese extrapolar a outros productos, como a horta ou a xestión forestal, un dos nosos grandes cabalos de batalla. Poñer en valor os miles de hectáreas de monte é un dos retos nos que nos gustaría empezar a traballar no próximo mandato.

Capital do Moble. "O sector do moble está no momento de máis expansión e traballo da súa historia"

A Estrada vendeuse durante décadas como a capital do moble de Galicia. Déronlle un lavado de cara á última feira, pero aínda así, é un reflexo da situación do sector?
Van por camiños distintos. O sector do moble está mellor ca nunca, no momento de máis expansión e de máis carga de traballo da súa historia. Se algún problema ten é a falta de man de obra cualificada. As fábricas da Estrada están traballando en tódolos continentes e coas mellores empresas do mundo.O que pasa é que están máis adicadas a hoteis e tendas e menos ó particular, como hai quince ou vinte anos. E por iso a feira vai nunha dirección distinta.

Hai risco serio de que despareza o certame?
A parte máis potente do sector non ve a feira como un escaparate rendible. Ten que ser un instrumento do sector, non un fin en si mesmo. No momento no que non sexa útil, non ten sentido que exista. Temos que reinventala, axustala ás necesidades do sector e establecer un valor diferencial que nos faga competitivos e atracivos.

Comentarios