Lalín abre as portas do edificio Manuel Rivero

Abel Losada participou onte na inauguración do centro sociocultural

O alcalde Xosé Crespo e o subdelegado do Goberno, Abel Losada, participaron na inauguración do edificio. DP
photo_camera O alcalde Xosé Crespo e o subdelegado do Goberno, Abel Losada, participaron na inauguración do edificio. DP

O Concello de Lalín celebrou este xoves a gran inauguración do edificio sociocultural Manuel Rivero na que participaron, entre outros, o alcalde Xosé Crespo e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.

Losada aproveitou a súa intervención para destacar que este inmoble "é unha mostra clara de que os fondos europeos teñen un impacto directo na mellora da calidade de vida das persoas".

O proxecto de construción deste centro polivalente na rúa Manuel Rivero estivo enmarcado na estratexia Edusi "Lalín Ssuma 21", pola que o Concello de Lalín recibiu cinco millóns de euros de financiación europea. Estes fondos, transferidos polo Goberno central, adicáronse a financiar diversas iniciativas de rexeneración urbana, dixitalización ou proxectos de índole social no municipio.

O subdelegado aproveitou o acto de inauguración para poñer en valor este uso dos fondos Edusi en Lalín e tivo palabras de felicitación para o alcalde do municipio, Xosé Crespo, pola súa xestión dos fondos europeos que, segundo asegurou, "transformaron Lalín".

O subdelegado, así mesmo, apuntou que "quen verdadeiramente está de enhoraboa é a veciñanza, porque son as e os lalinenses os que van gozar destes equipamentos e destes novos servizos". "Estamos comprometidos con Lalín, coa comarca do Deza e co interior da provincia e seguirémolo demostrando coa man tendida ao Concello, que contará para o que precise coa Subdelegación do Goberno", concluiu.

O proxecto deste edificio naceu da necesidade de dar resposta a carencias dentro do núcleo urbano do tecido social, económico e asociativo de Lalín. Ante isto, o Concello propuxo o desenvolvemento deste edificio dotacional no solar resultante da agrupación de dous preexistentes nos números 1 e 3 da rúa Manuel Rivera, que tiuveron que ser demolidos.

A proximidade do aparcadoiro municipal, dos centros educativos e doutros espazos públicos converten esta zona nunha crecente área de interese que agora conta, ademais, con este edificio sociocultural.

Comentarios