Lalín abre o prazo de presentación de solicitudes para o servizo Concilia de Nadal

Hai un total de 40 prazas para o horario de 7.30 a 14.30 horas, e 30 para o turno de 16.00 a 20.00 horas

Niño dibujando. PIXABAY
photo_camera Niño dibujando. PIXABAY

A tenente alcalde e concelleira de Política Social, Paz Pérez, dá a coñecer que "para unha mellor organización do servizo, ábrese un prazo de presentación de solicitudes do servizo Concilia Lalín para o período vacacional de Nadal ata o día 12 de decembro". Recorda que "o prazo de presentacións de solicitudes está aberto ao longo de todo o ano para a veciñanza que o precise".

O servizo Concilia Lalín, dirixido a menores de 3 a 12 anos, ten como finalidade facilitar a conciliación da vida familiar, persoal e laboral, desenvolvéndose baixo dúas modalidades. Durante o período lectivo, funciona ininterrompidamente ao longo do ano nos centros educativos CEIP Manuel Rivero de Lalín, CEIP Xoaquín Loriga de Prado e CEIP Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe, proporcionando actividades de acollida, atención e lecer durante as horas previas e posteriores á xornada escolar e, durante o período vacacional como o Entroido, Semana Santa, Verán e Nadal desenvólvese de xeito centralizado no CEIP Manuel Rivero.

Pérez destaca que durante o vindeiro período vacacional o servizo desenvolverase de 7.30 a 14.30 horas, habendo un total de 40 prazas; e de 16.00 a 20.00 horas, con 30 prazas. A presentación de solicitudes farase preferiblemente a través da sede electrónica do Concello de Lalín e, de non ser posible, no Rexistro Xeral. Para obter máis información deberase chamar ao 986 787 060 ou a través de [email protected] ou [email protected]

Comentarios