Lalín activa unha axenda intensa de actividades para celebrar o 'Orgullo'

A fin de semana do 26 e 27 de xuño a festa LGBTI farase presente nas rúas cunha programación cultural e musical para todos os públicos na Praza da Igrexia, a rúa Rosalía de Castro e o Parque de Loriga
Begoña Blanco e Cristina Fiaño durante a presentación do programa da festa do Orgullo LGTBI. CEDIDA
photo_camera Begoña Blanco e Cristina Fiaño durante a presentación do programa da festa do Orgullo LGTBI. CEDIDA

Lalín desenvolverá os días 26 e 27 a celebración do Orgullo LGBTI’ promovida polo Concello, e que está subvencionada pola Deputación de Pontevedra ao abeiro da liña 2 do Plan Concellos. Será unha fin de semana intensa de actividades de animación cultural e de rúa sobre a temática do Orgullo. A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, remarca que "en xuño como empezan as actividades de verán queriamos que fose un mes potente culturalmente para que ir normalizando e que a xente puidese saír á rúa a gozar de actividades culturais diversas". "Na fin de semana do Orgullo pretendemos que o pobo reúna xente con respecto sempre ás medidas vixentes e por iso optamos máis pola animación de rúa e pola animación cultural relacionada coa temática do Orgullo sempre contando con xente do propio gremio", sinala.

A edil indica ademais que o Concello intentou "distribuír as actividades polos distintos puntos do pobo para beneficiar á hostalería, aos comerciantes, e que sexa unha fin de semana potente en canto á actividade no pobo, que se vexa vida. As rúas van estar decoradas con guirnaldas, con cartelerías; a hostalería vai participar para que se lle coloquen todas esas decoracións tanto na Praza da Igrexa como na rúa Rosalía de Castro que van ser dous lugares onde van confluír boa parte das actividades".

Pola súa parte, Cristina Fiaño, da empresa organizadora desta proposta, explica que dentro da programación tamén haberá unha actividade infantil no Parque de Loriga. "Será un contacontos de Xarope Tulú, que combinará a manipulación de monicreques cunha función titulada Estrafalaria que falará sobre a diversidade que son pequenas historias que levan a diferenza como bandeira", subliña.

O resto de programación é musical, con animación de rúa cos percusionistas de Bravatukas, e tamén haberá sesións vermú, poetas, dous Dj, guateques, os concertos de Elba Souto e The Show Bass e actuacións de Zeltia Irevire, Mad Martin e Le Barluthier.

Comentarios