Lalín alegará polo trazado da liña de evacuación dos parques eólicos

O Concello reuniuse cos veciños de Galegos para explicar a afección a terreos da parroquia, con casas que están a menos de 250 metros da liña
As concelleiras durante a xuntanza cos veciños da parroquia de Galegos. CEDIDA
photo_camera As concelleiras durante a xuntanza cos veciños da parroquia de Galegos. CEDIDA

A tenente de alcalde, María Paz Pérez, e a concelleira de Urbanismo, Raquel Lorenzo, mantiveron unha reunión cunha trintena de veciños da parroquia de Galegos, na que tamén tomou parte o pedáneo que se encargou de citar á veciñanza, para explicar a afección a terreos da parroquia da Liña de Alta Tensión de 192KV que está deseñada para evacuar a enerxía eléctrica procedente dos parques eólicos Orrea de Agolada (xa está aprobado) e Mesada (Vila de Cruces) e que atravesa, de camiño a Portodemouros, un tramo de máis de un quilómetro que afecta a numerosos predios forestais, algunhos de gran riqueza biolóxica con presenza de sobreiras, e que se sitúa moi preto do lugar de Penas no que algunhas casas están a menos de 250 metros da liña.

O Concello ten intención de alegar a este trazado que afecta nunha zona mínima en espazo pero grande no que a consecuencias. Pretende elaborar unha alegación solicitando o cambio dun trazado que atravesa territorio do termo municipal de Lalín. Unha afección que se produce debido a que os redactores do proxecto introduciron esta variante, moito máis longa e con máis afección territorial, que a que sería máis lóxica e que non precisaría de afectar a fincas e terreos do Concello.

Ambas edís comprometéronse a pór a disposición dos veciños os recursos municipais para poder obter a información que precisen e a coñecer de primeira man a afectación das súas fincas e vivendas.

Comentarios