Lalín desenvolve un proxecto de sinalización turística de elementos patrimoniais

Unha subvención de 12.000 euros da Deputación cobre o total da actuación
Vista dende o interior do Pazo de Liñares, un dos elementos culturais que vai contar con panel interpretativo. D.L.
photo_camera Vista dende o interior do Pazo de Liñares, un dos elementos culturais que vai contar con un panel interpretativo. D.L.

A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, anunciou un proxecto de sinalización turística de elementos patrimoniais que "completamos estes días, ao abeiro dunha subvención para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural que recibimos da Deputación de Pontevedra".

Ao abeiro desta axuda de 12.002,52 euros, que cobre o 100% da contía solicitada, a responsable delegada explica que "instalamos diversos paneis interpretativos en elementos culturais lalinenses de acordo ás directrices do manual de sinalización turística de Galicia".

A actuación desenvolveuse en elementos patrimoniais e turísticos, colocando un panel interpretativo preto do Museo que faga alusión ao mesmo, a Ramón Mª Aller, á súa importancia, e tamén alusión ao Observatorio e a súa relevancia; tamén unha sinalización específica de benvida ao Pazo de Liñares de gran formato, atendendo a distintas demandas de visitantes e turistas co fin de indicar a chegada ao lugar e a súa mellor visualización desde a estrada; así como a colocación dunha sinal no elemento cultural sartegos de Barcia e outra na rúa Matemático Rodríguez relativa a este persoeiro lalinense.

Blanco subliña que "unha sinalización axeitada informa, ensina, orienta e multiplica o valor dun recurso. Significa proporcionarlle a turistas e visitantes información complementaria que dá lugar ao coñecemento do recurso".

A edil añade que "tempo estamos contribuíndo á divulgación do noso patrimonio natural e cultural achegándoo á poboación e aos potenciais visitantes; á recuperación e posta en valor dos elementos patrimoniais da contorna, reforzando a identidade colectiva e a necesidade sobre a preservación do medio e do patrimonio; á dinamización socioeconómica; á incorporación de novas ferramentas tecnolóxicas (códigos QR) e a mellora do acceso e interpretación dos recursos turísticos".

Tamén se tivo en conta na medida do posible a incorporación de varios idiomas, nalgúns casos, tamén o inglés.

Comentarios