Lalín destina 106.000 euros á reparación do viario de Zobra e á reposición da ponte

As obras forman parte dun proxecto adscrito ao Fondo de Compensación Ambiental 2024
José Cuñarro, María Paz Pérez e José Crespo na visita á ponte. DP
photo_camera José Cuñarro, María Paz Pérez e José Crespo na visita á ponte. DP

O alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado da tenente de alcalde, María Paz Pérez, e do concelleiro de Obras, José Cuñarro, visitaron na mañá deste luns a ponte da estrada que vai dende Zobra ata os lugares de A Trigueira, Cabana, Porto Martín e Ameixedo para comprobar o estado despois das últimas treboadas e que contribuíu a deteriorar de forma sensible o seu estado.

As obras de reposición da ponte e reparación do viario acometeranse dentro dun proxecto que se adscribirá ao Fondo de Compensación Ambiental 2024 que está dotado con máis de 106.000 euros que se dedicarán na súa totalidade a esta obra.

O proxecto contén tanto a colocación de unha nova estrutura para o paso do cáuce do río, que foi ao que polo seu deterioro cedeu e acabou afundindo o viario, e un novo viario que permita o acceso por esta estrada de titularidade municipal.

O alcalde lalinense, José Crespo, indicou durante a visita ao punto de referencia desta vía de comunicación tan importante para moitos veciños do municipio que "tentaremos minimizar os prazos para poder executar esta obra o antes posible e que se repoña o paso e o acceso por ela nas mellores condicións".

Na actualidade, só está permitido o paso por esta vía en dirección Ameixedo para os residentes nun dos catro lugares que teñen neste viario a súa única comunicación como son os de A Trigueira, Cabana, Porto Martín e Ameixedo. Este vial tamén serve de acceso rodado a algunhas das paraxes máis belas que ofrece o extenso Concello de Lalín.

Lembrar que este é o segundo incidente de relativa importancia neste viarios, xa que hai tres anos afundiuse parte da plataforma deste camiño á altura do lugar de A Cabana, o que obrigou á construción dun talude artificial para dar soporte á reposición da zona de paso e a colocación dunha varanda de seguridade.

Comentarios