Lalín homenaxea a Benito Varela Jácome o venres cun relatorio no Museo Municipal

Será ofrecido polo seu ex alumno Ángel Núñez Sobrino, autor de numerosos traballos de investigación en diversos campos
José Crespo nun acto con Benito Varela Jácome. DP
photo_camera José Crespo nun acto con Benito Varela Jácome. DP

O vindeiro venres día 9 do presente mes, ás 20 horas no Museo Municipal, no marco da programación de decembro e con participación aberta, o Concello de Lalín promove un relatorio sobre o ilustre lalinense Benito Varela Jácome en homenaxe a súa persoa e obra que será ofrecido polo seu ex alumno Ángel Núñez Sobrino, que é autor de numerosos traballos de investigación en diversos campos, entre eles o da arqueoloxía.

Núñez Sobrino tivo a Benito Varela Jácome como mestre de Literatura en COU, no instituto Xelmírez de Santiago, e mantivo relación co homenaxeado ao longo de dúas décadas. O título da charla fará gala precisamente a este aspecto e titularase "Trato e influencia en don Benito Varela Jácome". Acompañará o seu relatorio dalgunhas ilustracións con libros do ilustre profesor, separatas, monografías e entrevistas do seu arquivo persoal.

Con esta actividade trátase de divulgar entre os lalinenses a figura deste erudito e recoñecido lingüista nacido en 1919 en Viñoa (Soutolongo) e falecido en 2010 en Santiago, que chegou a ser un dos veciños destas terras máis recoñecidos no mundo das letras españolas grazas aos seus estudos sobre literatura hispanoamericana, española e galega. Benito Varela Jácome publicou libros sobre Rosalía de Castro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Álvaro Cunqueiro. Ademais foi un dos máis ferventes estudosos da obra da multifacética Emilia Pardo Bazán.

Profesor primeiro da Universidade Complutense e despois catedrático de Literatura Hispánica na Universidad de Santiago de Compostela, exerceu moitos anos como presidente da Asociación Española de Estudos Literarios Hispanoamericanos.

O Concello de Lalín deulle o seu nome a súa biblioteca municipal en maio de 2002 pola súa contribución á cultura galega. Nese momento dixo que de todas as homenaxes que lle renderan na súa prolífica carreira literaria centrada na investigación, a máis importante é a que lle fixeron ena súa terra natal nomeando á biblioteca na que iniciou as súas tardes de estudos –comezou a súa formación de Bacharelato en Lalín– como biblioteca municipal Varela Jácome.

Comentarios