Lalín incrementa ata os 60.000 euros a achega á asociación de empresarios

O alcalde, José Crespo, comprometeuse coa nova directiva de AED a elevar a cantidade a 100.000 euros para o seguinte convenio
O alcalde e o representante dos empresarios no momento de sinatura do convenio. DP
photo_camera O alcalde e o representante dos empresarios no momento de sinatura do convenio. DP

O alcalde, José Crespo, e o presidente da Asociación de Empresarios de Deza (AED), David Campos, veñen de asinar un convenio de colaboración entre Concello e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín para posibilitar o desenvolvemento de accións de promoción e dinamización do comercio e a hostalaría locais, a través do que o goberno lalinense achega 60.000 euros, incrementando a dotación con respecto a 2021. No acto de rúbrica estivo tamén presente a concelleira de Comercio e Promoción Económica, Karen Fernández.

Segundo o acordo subscrito, un total de 49.046 euros destínanse a sufragar os custos de organización e desenvolvemento dunha decena de campañas e iniciativas de dinamización que o CCA de Lalín desenvolve ao longo do ano. Entre as xa realizadas desde o comezo deste ano 2022 atópanse varias campañas. No que falta de ano quedan por executar o concurso de tapas de verán Deztápate, a campaña Volta ao cole, o Black Friday e a campaña especial de Nadal.

Ademais o convenio contempla unha partida específica de 6.000 euros destinados ao desenvolvemento dun plan de formación para o pequeno comercio ao considerarse este aspecto clave para o sector. Así mesmo tamén recolle unha achega de 4.954 euros correspondente á aportación municipal para o mantemento do servizo de seguridade e vixilancia no Parque Empresarial Lalín 2000.

Deste xeito, o executivo lalinense continúa desenvolvendo a súa aposta polo comercio e a hostalería lalinenses. Hai que lembrar que o alcalde comprometeuse coa nova directiva da AED a mediados de xuño a xestionar unha aportación de 100.000 euro para o seguinte convenio que permitan desenvolver actividades e proxectos de interese común e beneficiosos para os asociados da AED e para o pobo de Lalín en xeral.

Comentarios