Lalín outorga a licencia de obra ao proxecto de Mercadona

A firma valenciana de alimentación investirá máis de 3,7 millóns de euros nesta actuación
Terreo no que se construirá o futuro Mercadona en Lalín. DP
photo_camera Terreo no que se construirá o futuro Mercadona en Lalín. DP

O alcalde de Lalín, José Crespo, anunciou o sábado a concesión da licencia de obra para a construción dun edificio comercial para supermercado de alimentación e aparcadoiro na Rolda Leste solicitada pola empresa Mercadona S.A. Con esta licencia, a firma valenciana podería comezar a construír a súa superficie comercial en canto os terreos da área da Trigueiriza estean en condicións de poder ser utilizados e, conforme recolle o outorgamento da mesma, poderían comezar a executarse dun xeito paralelo á urbanización desta área.

O proxecto presentado pola empresa líder nacional en alimentación, e aprobado na Xunta de Goberno do pasado martes, terá un orzamento de 3.737.853 euros e cando se poña en marcha suporá a creación de máis dunha trintena de postos de traballo directos e preto de medio cento indirectos.

O proxecto terá un prazo máximo para o comezo das obras de seis meses, segundo se recolle na concesión da licenza e implicará un cambio na faciana do espazo situado entre a Rolda Leste e as rúas da Ponte e a Avenida de Vila de Cruces, nunha gran parcela paralela ao regato Balados que desemboca no Pontiñas.

Crespo indica que coa construción deste supermercado "incrementarase a oferta de establecementos de alimentación dispoñibles na capital dezana, o que permitirá unha maior competencia entre os operadores e redundará no beneficio dos veciños de Lalín e da comarca de Deza".

O supermercado de Mercadona terá 6.034 metros cadrados de superficie construída e máis de 5.798 metros cadrados de superficie útil -asentados nunha parcela de 10.047 metros cadrados- e unha capacidade de 758 persoas de capacidade máxima na sala de ventas.

Comentarios