Lalín pide á veciñanza que non se xunte nas casas nas datas do Cocido e Carnaval

A Comisión Municipal da covid-19 acorda de forma unánime o peche dos parques infantís
La 'cacheira', protagonista del cocido de Lalín. ADP
photo_camera La 'cacheira', protagonista del cocido de Lalín. ADP

A evolución da terceira vaga, que en Lalín arroxa na data de 18.01.2021 uns datos de 36 diagnosticados nos últimos 14 días, de 40 activos e unha incidencia media acumulada de ao redor do 175, levou á Comisión Municipal do covid-19 a tomar medidas restritivas e recomendacións a maiores das da Xunta.

Así, os seus integrantes acordaron de xeito unánime ordenar o peche de parques infantís (que se fará efectivo este mércores), medida que propuxeron os representantes médicos na Comisión tendo en conta que está aumentando a incidencia en nenos.

De igual xeito, e tendo en conta a proximidade do propio día da Feira do Cocido, e malia a que este ano non hai celebración xa que está adiada ata maio pola covid (e sempre que as circunstancias sanitarias permitan que se leve adiante nesa data), desde a Comisión Municipal faise un chamamento extensivo á veciñanza para que non haxa festexos nas casas nesas datas.

Realizar comidas con invitados nos domicilios sería unha grave irresponsabilidade neste momento complicado, xa que actuaría como foco de posibles contaxios. Idéntica advertencia fan os expertos para os días de Carnaval. Entroido que este ano non se poderá celebrar, tampouco nos domicilios particulares, polo que se deben evitar en todo os casos os xantares familiares típicos por esas datas. Polo tanto, a Comisión recomenda a todos os lalinenses a non xuntar xente nas casas nin na data propia en que se ía celebrar o Cocido nin tampouco en Carnaval.

A Comisión decidiu ademais desenvolver novas desinfeccións nas rúas do casco

Ao respecto cómpre recordar que o máximo permitido para reunións son de 4 persoas non convivintes. Así, tendo en conta que os restaurantes teñen que estar con estas limitacións (máximo mesas de 4 persoas) non sería un comportamento solidario que nas casas se estivese a incumprir a norma polo feito de que se fai nos domicilios con menos posibilidade a priori de vixilancia.

A Comisión decidiu ademais desenvolver novas desinfeccións nas rúas do casco, que se realizarán de xeito periódico. Indicar que se continúan facendo nos colexios e institutos, así como espazos de especial interese e de maior tránsito como a Praza de Abastos, o centro de saúde ou as farmacias.

En canto ás actividades deportivas no Lalín Arena séguense de xeito rigoroso as normas, sendo máis estritos incluso do que marcan. Así o horario de peche adiántase ás 21.45 h. sendo necesario abandonar as salas de actividades 15 minutos antes do peche da instalación; para participar nas actividades segue sendo obrigatorio reservar praza e as clases son dun máximo de 4 persoas.

No que toca a cultura, cómpre indicar que sobre o pase de charangas polas rúas lalinenses previsto durante os días de Entroido se valorará uns días antes, en función das cifras de casos que se manexen nese momento.

A Comisión valorou positivamente que Lalín se salve polo momento do peche perimetral porque sen dúbida prexudicaría moito máis á hostalería que pode manter un 30% de actividade.

Comentarios