Lalín presenta un cartel das Festas das Dores 2022 "a tope de gama"

Entre o 23 e o 27 de setembro actuarán na capital dezana as orquestras galegas de cabeceira e todos os grupos e bandas da vila
De esquerda a dereita, José Cuñarro, Inés Reboredo, José Crespo e Begoña Blanco. GONZALO GARCÍA
photo_camera De esquerda a dereita, José Cuñarro, Inés Reboredo, José Crespo e Begoña Blanco. GONZALO GARCÍA

As Festa das Dores de Lalín xa teñen cartel, e é inmellorable. Tal e como o calificou o alcalde, José Crespo, é "a tope de gama", con actuacións das orquestas máis recoñecidas de Galicia e de todos os grupos, bandas e charangas do municipio.

As orquestas París de Noia, Panorama, Cinema, Top Líder, América, o grupo Milladoiro, Finisterre, Panamá, Olympus e o Combo Dominicano farán vibrar á capital dezana entre o 23 e o 27 de setembro, nunhas festas nas que tamén terá cabida a música feita en Lalín.

José Crespo, acompañado do concelleiro de Festas, José Cuñarro; da concelleira de Cultura, Begoña Blanco; e da presidenta da comisión de festas, Inés Reboredo, presentou este xoves o cartel na sala de prensa do Concello. Durante o acto, o alcalde expresou o agradecemento á comisión pola "estupenda labor" levada a cabo. Ademais, indicou "que é un inmenso pracer presentar de novo a programación das festas das Dores tras dous anos de parón con motivo da pandemia. As festas de Lalín son as festas de todos, e honran a todos os lalinenses. As Dores de Lalín son ademais uns festexos de referencia na comarca, nas que coa nosa hospitalidade recibimos a milleiros de visitantes".

O mandatario dezano anunciou que "por primeira vez teremos un xurado na pirotecnia e haberá unha competición da mesma, sendo o gañador o encargado dos fogos de artificio a véspera do Cocido de Lalín, o sábado do Cocido do ano que ven" e que "unha nova é que vai vir a banda da Escola Militar Naval de Marín, polo que agradezo enormemente á alcaldesa de Marín e tamén á banda por aceptar acudir ao noso municipio. Tocarán o domingo ao rematar a procesión, e por suposto tamén estarán as bandas de Lalín". Para finalizar a súa intervención, o alcalde solicitou que "a xente de Lalín participe. Avanzo que imos botar o chupinazo nun sitio emblemático, e tamén quero recalcar que prefiro poñer máis cartos do Concello e que haxa festas e non que despois se quede a comisión colgada, xa que é malo para todos e para os lalinenses. Unhas boas festas traen un retorno á vila, e unha dinamización socioeconómica moi importante".

Inés Reboredo destacou que "ás 12.00 horas do domingo haberá misa das Dores", e tamén quixo facer fincapé en que "dentro das posibilidades que hai, repartíronse as orquestras para o desfrute de todos e quero dicir que son unhas moi boas festas".

A concelleira de Cultura expuxo o seu agradecemento á Secretaría de Política Lingüística da Xunta "pola súa achega". Resaltou que "para os máis pequenos da casa virán as habituais atraccións que se situarán nas inmediacións do Concello de Lalín, e todos os días ás 18.00 na praza da Biblioteca haberá actividades infantís. Tamén quero avanzar unha novidade, xa que a Banda de Lalín dará un espectáculo de música dos 80 e totalmente diferente. De novo quero recalcar que van actuar todos os grupos de Lalín", e sinalou que "o pregón queremos que sexa na casa de don Álvaro".

Finalmente, o concelleiro de Festas subliñou que "traemos este ano un espectacular, completo e variado cartel. Virán a Lalín as orquestras de cabeceira que animarán cada velada. Cada vez é mais difícil distribuílas polas dimensións dos escenarios, pero a comisión de festas fixo un gran traballo repartíndoas por diversos lugares da vila". Apuntou que "as orquestras farán pase único de dúas horas e 45 minutos xa que do xeito no que están repartidas evitamos que o público teña que desprazarse entre pase e pase" e, para pechar, Cuñarro indicou que "a comisión está intentando non vender as barras se conseguen recadar o que necesitan", polo que pide á hostalaría "que se implique na aportación xa que con isto saímos todos beneficiados".

Comentarios