Lalín reivindica o talento dos artistas represaliados polo franquismo

Foron homenaxeados os Dezas de Moneixas, Xesús Froiz, os gaiteiros de Xinzo, Constante Moreda, a familia Cordal e Manuel del Río
                      Celebración da Foliada na Memoria en Moneixas, Lalín.
photo_camera Celebración da Foliada na Memoria en Moneixas, Lalín. DP

O Souto de Chousa da Porta encheuseo onte de xente e de memoria histórica grazas á Foliada da Memoria da Deputación co obxectivo de reivindicar o talento, as ideas e o compromiso das e dos artistas represaliados polo franquismo logo do golpe do 36. A festa contou coa presenza de veciñanza da comarca do Deza, moita vencellada aos Dezas de Moneixas, pero tamén de xente chegada de Pontevedra, Vigo e Poio nunha confraternización que durou toda a xornada con música e actividades.

No acto inaugural foron numerosas as voces que se uniron ao insistente berro de "Medre a Memoria!" que se repetiu durante todo o día. A deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra María Ortega foi a encargada de abrir os discursos. Definiu ao día de onte como histórico por estar a recoñecer as ideas de persoas «que fixeron que Galiza sexa hoxe o que é, que nos deron esperanza para que hoxe o país sexa grande, unha matria con tradición, lingua e cultura propias que foron semente que no seu momento quixeron silenciar». «As ideas non se puideron silenciar, puideron aplacalas, pero cando rexorden fano con máis forza. Hoxe aquí defendámolas con tanta forza que nunca máis se poidan acalar», insistiu.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que Galiza é un pobo potente con xente «potente e comprometida» que logo do 36 e durante 40 anos sufriu a escuridade. «O primeiro que se fai cando se quere destruír un pobo é destruír a súa cultura, e máis se é propia e o identifica. Nós tiñamos gaiteiros, bailadoras, e músicos que defendían a terra, e non só foron silenciados, senón terriblemente maltratados e moitos asasinados», destacou.

Finalmente, o alcalde de Lalín, José Crespo, agradeceu o tratamento que a Deputación está a dar ao concello e ter escollido Moneixas para celebrar a Foliada, lembrando que Os Dezas de Moneixas foron e son símbolo de identidade e embaixadores de Lalín por toda Galiza.

Comentarios