Martes. 18.06.2019 |
El tiempo
Martes. 18.06.2019
El tiempo

Lalín rexeita a violencia de xénero cunha mensaxe dos seus mozos: 'Quérome libre'  

Presentación da nova campaña contra a violencia de xénero do Concello de Lalín. CEDIDA
Presentación da nova campaña contra a violencia de xénero do Concello de Lalín. CEDIDA

O Concello lanza unha campaña de sensibilización na que se implicou alumnado dos institutos

'Quérome libre' é o lema dunha nova campaña educativa e de sensibilización contra a violencia machista promovida polo Concello de Lalín, que se gravou con alumnado dos IES Laxeiro e Ramón Mª Aller Ulloa. Porque, como din, "nós nacemos libres, e libres nos queremos".

A iniciativa tira de tecnoloxías da información e da comunicación a través de plataformas dixitais e outros medios gráficos e ten precisamente nos mozos o seu obxectivo prioritario, "polo uso masivo e preferente que neste grupo de idade se fai" desas ferramentas. A campaña difundirase principalmente por WhatsApp, Facebook, Twitter e Instagram. Xa se pode ver na conta de Facebook do Concello.

O Concello subliña que a campaña aborda as violencias por razón de xénero mediante mensaxes positivas e adaptadas ás necesidades da xuventude lalinense, implicando estudantes dos institutos, que xunto ao equipo técnico da Oficina de Igualdade e do Centro de Información ás Mulleres e a empresa creativa lalinense No Major Films, participaron no seu deseño e posterior promoción e difusión.

"Cremos que é moi trascendente seguir facendo campañas locais propias e adaptadas, que teñan unha especial incidencia nas mulleres novas e rurais e as súas especiais circunstancias, e que impliquen e sexan realizadas por persoas próximas e recoñecibles, como son as nosas compañeiras e compañeiros de clase, amizades, fillas e fillos", salienta o Concello.

Lalín rexeita a violencia de xénero cunha mensaxe dos seus mozos:...
Comentarios