martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Lalín xa ten operativa a unidade de hemodiálise

Visita do concelleiro de Sanidade a Lalín, este martes. PATRI FIGUEIRAS
Visita do concelleiro de Sanidade a Lalín, este martes. PATRI FIGUEIRAS
O esperado servizo comezará a recibir este mércores os primeiros 24 pacientes, que ata o de agora tiñan que desprazarse a Santiago

A nova unidade de hemodiálise extrahospitalaria no concello de Lalín comezará a recibir os primeiros 24 doentes este mesmo mércores, o que lles evitará realizar uns 20.000 quilómetros de traslado en ambulancia ao mes ata Santiago.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, achegouse este martes a coñecer as instalacións do centro, acompañado do alcalde de Lalín, José Crespo, a xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela, Eloína Núñez, e a presidenta da Fundación Renal Iñigo Alvarez de Toledo, Isabel Entero, fundación responsable deste centro concertado.

O novo servizo conta con 15 postos de hemodiálise online e está dotado coa máis moderna tecnoloxía no seu ámbito. Ubicado na rúa da Ponte, ocupa unha superficie de 552 metros cadrados e ten unha importante capacidade de crecemento futuro de ata 60 doentes. Así, os 24 primeiros doentes que evitarán desde este mércores o seu desprazamento ata Santiago disporán dunha unha ampla e luminosa sala de hemodiálise de 150 metros cadrados onde recibirán as 13 sesións mensuais que de media necesita cada doente. Ademais, o centro conta cunha sala para doentes que necesiten dializarse illados, sala de espera, vestiarios, consulta médica e de enfermería, así como despacho do grupo de Apoio ao Paciente (psicólogo e traballador social).

Segundo destaca o Sergas, "as novas instalacións teñen tamén unha moderna planta de auga que garante unha diálise online cos máis altos estándares de calidade".

Con esta medida, a xerencia sanitaria compostelana pretende achegar o servizo de hemodiálise aos doentes dos concellos de Agolada, Lalín, Dozón, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, con patoloxía renal que precisan deste tratamento, ao obxecto de acadar unha maior comodidade na súa atención e evitar que teñan que desprazarse varios días á semana fóra da comarca do Deza para recibir tratamento.

Esta nova prestación busca satisfacer as necesidades dos doentes ao facilitar o servizo achegando tanto física como temporalmente o tratamento aos pacientes e ao seu entorno familiar. Tamén se minimizarán os eventuais inconvenientes relacionados cos desprazamentos.

Lalín xa ten operativa a unidade de hemodiálise
Comentarios