Lidl alcanzará este inverno as 35 tendas en Galicia cunha apertura na Estrada

Este establecemento contará cunha instalación fotovoltaica de 1.000 metros cadrados
Colocación de la primera piedra del Lidl en A Estrada. PATRY FIGUEIRASjpg
photo_camera Colocación de la primera piedra del Lidl en A Estrada. PATRY FIGUEIRAS

A posta en servizo este inverno do primeiro establecemento de Lidl na Estrada, xunto ao centro de saúde da Avenida Benito Vigo, permitiralle á marca alcanzar as 35 tendas abertas en Galicia.

A cadea, que inviste preto de catro millóns de euros para a construción e equipamento das instalacións, contratou empresas da contorna como a firma de enxeñería coruñesa Cotecno ou á construtora pontevedresa CHS, entre outras.

A este apoio súmanse os postos de traballo que se xerarán directamente na vintena de persoas que atenderán estas instalacións durante o horario habitual, de 9.00 a 21.30 horas de luns a sábado. Nelas, "o produto galego volverá ser protagonista indiscutible, con referencias como as de queixos rexionais, leite fresco ou cervexa Estrella Galicia", indica a cadea.

SOSTIBILIDADE. No acto de colocación da primeira pedra este martes, ao que acudiu o alcalde, José Carlos López Campos, destacouse a aposta pola sostibilidade neste punto de venda tanto da sala de vendas, duns 1.400 metros cadrados, como dos propios servizos da parcela. Así, o Lidl da Estrada contará cunha instalación fotovoltaica de 1.000 metros cadrados, iluminación LED e equipamento ecosostible. A todo iso hai que sumar tamén dous puntos de carga para vehículos eléctricos, que se unen ás 75 prazas de aparcamento convencionais.

"PROXECTO MADURO". O xerente de expansión e inmobles de Lidl en Galicia, Luís Biempica, subliña que a chegada da marca á Estrada é unha iniciativa que leva anos entre os plans para Galicia dun proxecto "cada día máis maduro e máis próximo” aos seus clientes.

Neste sentido, Biempica explica que “do mesmo xeito que fai só cinco días abriamos a nosa primeira tenda no Val Miñor para evitar desprazamentos das persoas de Baiona, Gondomar ou Nigrán, tamén agora queremos achegar a marca a todos os residentes da comarca de Tabeirós-Terras de Montes”. 

Comentarios