O local social de Carragoso costará 600.000 euros

► José Crespo presentou o sábado á veciñanza este proxecto, que o Goberno local pretende financiar nun 65% con fondos da Deputación
Presentación do proxecto á veciñanza, o sábado. DP
photo_camera Presentación do proxecto á veciñanza, o sábado. DP

O alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado dunha ampla representación do grupo de Goberno, presentou o sábado aos veciños de Carragoso, Avenida de Cruces e Trigueiriza o proxecto de execución do local social dese entorno da periferia lalinense que será acometido unha vez se licite a obra por un valor superior aos 600.000 euros. O proxecto de execución do local social vaise presentar para o seu financiamento ao programa PON2030, que é unha liña semellante á que a se habilitou en 2022 para a construción do cemiterio 'Fraga do Alén' e que se atopa neste intre en plena execución (o prazo de presentación de proxectos ao PON2030 remata o 21 de abril). Con cargo a esta liña 2 do PON2030 a Deputación establece o financiamento do 65% do total da obra e o 35% restante acometeríase con fondos municipais, comezando as obras neste mesmo exercicio 2023 no caso de concederse á achega, coa previsión de que poida estar rematado a mediados do 2024.

Ante máis de medio cento de veciños, o rexedor avanzou o proxecto de execución que foi explicado polos redactores do mesmo, Carlos Durán e Luis Fernández, de Arco Arquitectura, que foron debullando as características deste centro social que estará situado nunha parcela municipal ubicada nas proximidades dos terreos nos que se situará o centro comercial do Mercadona, nunha área que xa está urbanizada e que conta con aparcamento e unha ampla área de circulación de vehículos.

O rexedor sinalou que "se conseguiu un bo solar grazas á xestión municipal ao pé dunha zona peonil; agora imos presentar o proxecto de execución ao PON2030 e estamos convencidos de que vai ter puntuación suficiente para poder obter financiamento da Deputación e en canto que nolo concedan, ao seguinte goberno unicamente lle quedará executalo". Remarcou que se trata dun "edificio polivalente situado cerca de Lalín que vai ter moito uso e que dinamizará unha área periurbana importante e marcará un punto de inflexión desde o punto de vista urbanístico para irlle cambiando pouco a pouco a fisionomía a esta zona de Trigueiriza e Carragoso". Felicitou aos autores do proxecto "dotado de alta eficiencia enerxética xa que combinará xeotermia, bomba de calor e teito con paneis fotovoltaicos".

Comentarios