Luis López: "A Deputación ten que ser dos pequenos e medianos concellos e incrementar fondos"

Traballará para que dentro de catro anos Rodeiro non teña que seguir loitando contra o despoboamento e "deixe de ser o prototipo do concello do rural galego. Ese sería o soño", admite. Ó mesmo tempo, defenderá os intereses da comarca do Deza como deputado do PP na Deputación, cargo no que se estrea

Luis López, alcalde de Rodeiro. BLANCA PAZ
photo_camera Luis López, alcalde de Rodeiro. BLANCA PAZ

Luis lópez, Lugués, tomou este mércores posesión como deputado provincial do PP pola comarca do Deza, logo de revalidar a maioría absoluta na Alcaldía de Rodeiro. Devolverlle a Deputación "ós concellos pequenos" e afondar nas políticas de benestar social no seu municipio son os seus principais obxectivos nos próximos catro anos.

Hai máis dun mes que ratificou a Alcaldía nas urnas. Mudou xa a xestión neste tempo ou segue unha liña de continuidade?

O que estou facendo é seguir co traballo que viñamos realizando, que sabiamos que ía ter continuidade ó longo do 2019, aínda que si facendo algúns retoques con respecto ó anterior mandato. Sempre hai cousas que axustar, tanto de xestión política coma de xestión de goberno.

Cando fala de retoques refírese á designación de concellerías e dedicacións?

Si. O tema dos retoques consumarase no Pleno de Organización, que prevemos celebrar o 10 de xullo.

Vai variar moito a estrutura de Goberno?

Non vai haber moitos cambios. Vaise manter o número de dedicacións e cos mesmos importes. O que nos vai marcar a pauta será o Orzamento. Aí si que, probablemente, imos trazar as liñas dos próximos anos.

Cando prevé aprobar esas contas, que agora mesmo ten prorrogadas?

Espero que o antes posible, pero non podería poñer unha data.

Cales son as prioridades do seu Goberno a curto-medio prazo?

A nosa prioridade van seguir sendo as persoas. Temos unha materia pendente en benestar social. Queremos dar aínda máis servizo do que estamos dando na Atención a Domicilio. Apostamos por atender ós dependentes nos domicilios. Cos non dependentes traballamos nas parroquias e agora estamos facendo un edificio asistencial para eles.

Cando conta que estea operativo ese centro?

Neste ano temos unha consignación de 500.000 euros, nunha obra que supera o millón. A previsión é que para o 2020 haxa outra fase. Segundo vaiamos logrando fondos, iremos executando.

Escoitándoo, o problema demográfico está na primeira folla da súa axenda, entendo...

As competencias no ámbito municipal son case cero. Outra cousa é que si se poidan aportar grans de area que combatan iso. Nós, por exemplo, os servizos que proporcionamos en materia de infancia provocan que moita xente non marche. Temos unha gardaría a xornada completa e un servizo de conciliación familiar gratuíto. Estas cousas a xente valóraas, así que por aí imos seguir. Queremos evitar que alguén se poida deixar levar pola tentación de irse a concellos limítrofes teoricamente con máis servizos, aínda que logo teñan o traballo aquí. Estamos vendo xente que volve, porque Rodeiro é un dos concellos de Galicia con máis incorporación ó campo de xente nova. Iso vai da man da profesionalización do sector e require unha man de obra brutal. Están vindo familias doutros países vivir aquí.

Analizando os resultados electorais das últimas municipais, o seu partido mantivo os seis edís da maioría, a pesares de perder 92 votos con respecto a 2015 e da irrupción con forza do partido que lidera o exedil do BNG, que obtivo catro concelleiros. Gañou pola división das esquerdas?

En porcentaxe tivemos resultados similares ós de hai catro anos (51,65%) e a nosa suma dá máis que toda a esquerda xunta. O feito de que haxa moitas listas xera fugas de votos e iso resta.

O PP perdeu tres das seis alcaldías que ostentaba en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Isto obriga a cambiar a estratexia?

Xa no ano 2015 se lle viron as orellas ó lobo cando se perderon maiorías folgadas coma a de Lalín. Sen darte conta, por un puñado de votos quedas sen elas. Este ano volveu pasar o mesmo. Perdéronsee alcaldías emblemáticas coma a de Agolada, que foi unha sorpresa para todos, pero tamén se obtiveron moi bos resultados, coma en Lalín.

Que liñas de traballo se marca para defender os intereses de Deza na Deputación?

Vou coa premisa clara de que ten que volver ser a Deputación dos pequenos e medianos concellos. Non pode ser unha concellería de Vigo. Defenderei que se incremente a bolsa de fondos para que os municipios poidamos facer fronte ás necesidades básicas.

Comentarios