Máis de 5.000 persoas asistiron ao festival 'Cocidos do Camiño' de Lalín

Debido ao gran éxito que tivo esta innovadora iniciativa, a organización anuncia que o ano que vén terá continuidade
A Carpa do Cocido albergou a primeira edición dos 'Cocidos do Camiño'. DP
photo_camera A Carpa do Cocido albergou a primeira edición dos 'Cocidos do Camiño'. DP

Máis de 5.000 persoas participaron no festival gastronómico Cocidos do Camiño, onde a cultura, a gastronomía e o Camiño congregaron a asistentes de toda Galicia a gozar dunha experiencia completa ao redor dun prato tan venerado como o cocido. E tralo éxito acadado, a organización xa empraza ao público para a seguinte edición o ano que vén.

Así, repartíronse máis de 600 racións nun festival que non fixo máis que abrir unha nova guía gastro-musical na que participaron os cocidos lalinense, estremeño, lebaniego e o pote asturiano, e que se completou coas actuacións de bandas como Tanxugueiras, Baiuca, Club del Río e Eladio y los Seres Queridos, entre outros.

O alcalde de Lalín, José Crespo, indicou "que é unha satisfacción que moitos galegos se achegaran a Lalín a coñecer os cocidos do Camiño de Santiago" e que os cociñeiros que viñeron de fóra "amosasen a súa ledicia polo convite e tamén polo resultado do festival, tanto no referente á difusión como no referente á venda e degustación de produto". Así mesmo, apuntou que unha vez rematada a parte do festival "poñerémonos a traballar no congreso no que tentaremos contar con algúns dos referentes da cociña nacional e tamén autonómica e darlle un pulo ao cocido e á cociña como conceptos de cara aos retos que nos formula a cociña do futuro, no que se refire a produto, a sostibilidade e rebaixa da pegada medioambiental e tamén á difusión da riqueza da nosa gastronomía".

Pola súa parte, Carlos Montilla, director de I-Radia Crea, organizadora do evento, celebrou "o bo ambiente, o éxito e o que pode supoñer este formato único de festival que se presentou en Galicia, un referente dunha nova forma de entender os festivais gastronómicos, e as exaltacións gastronómicas".

Comentarios