Maite Tocino renuncia a unha subvención pola "neglixencia" do anterior goberno do PP

A alcaldesa de Pontecesures acusa aos populares de "deixar correr os prazos" dende a solicitude de axuda para a reforma da Prazuela
A alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino. ADP
photo_camera A alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino. ADP

Maite Tocino tomou a decisión de renunciar á subvención do ReacPON da Deputación. A alcaldesa de Pontecesures considera imposible salvar a axuda cumprindo os prazos e condicións que esixe a institución provincial "sen hipotecar gravemente o Concello. Non hai marxe; seguir adiante sería un despropósito". Esta axuda era para as obras de reforma da Prazuela diante da igrexa de San Xulián e a rúa Miguéns Parrado, que deberían estar xa rematadas e aínda non están nin iniciadas.

Tocino responsabiliza ao anterior goberno do PP liderado por Vidal Seage de absoluta falta de xestión na tramitación da humanización do espazo público. Fala incluso de "neglixencia", xa que "deixou correr tódolos prazos dende a solicitude de subvención en xullo de 2021. Entre outras cousas, o PP non contestou ningún dos requerimentos de Patrimonio, que tivo que pedir tres veces a documentación para emitir o seu informe sobre o proxecto".

O visto bo do departamento da Xunta só chegou o 19 de maio deste 2023, menos dun mes despois de que se lle entregara o expediente de forma correcta. Foi entón cando o Concello aprobou definitivamente o proxecto e remitiuno á Deputación (o 31 de maio).

Destaca Tocino que o seu goberno pediu novas ampliacións de prazo para a obra, que debía de estar terminada a 31 de decembro, pero que a Deputación, ao ser Pontecesures o único concello que non ten a día de hoxe iniciados os traballos, só deixou aberta a posibilidade que a 31 de decembro estivese executado o 50% do proxecto, que a Deputación achegue outros 60.000 euros para afrontar a parte do que falta por facer, e que o Concello cuadriplique a súa achega económica, como mínimo, cos cartos que lle corresponden do Plan + Provincia 2024, tamén para pagar o que reste.

A alcaldesa apunta que o actual goberno "pelexou ata o último momento e seguiu adiante cos trámites para intentar facer a obra", tendo todo listo para adxudicar a actuación. Non obstante, ao estudar a situación cos servizos técnicos municipais antes de comprometerse a adxudicar o contrato saltaron as alarmas. A realidade é que nos días que faltan ata fin de ano a empresa só podería facer provisión de materiais e, como moito, executar un 20% se hai bo tempo.

Incluso só destinando 100.000 euros do Plan + Provincia de 2024 e asumindo a maiores os sobrecustos de prezos e medicións con fondos propios, xa se produciría un quebrado económico moi grave para as arcas municipais.

Comentarios