O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, presentará na mañá deste xoves a revogación da súa dimisión despois de que os socialistas silledenses acadaran un acordo nas últimas horas co BNG, un escrito do que se dará conta ao Pleno ordinario que se celebrará esta tarde, ás 18.00 horas.
O escrito reza nas súas partes máis importantes o seguinte: "Despois de acadar un acordo político entre os grupos municipais do PSdeG-PSOE e o BNG de Silleda, co que se abren novas canles de entendemento e convivencia na procura da mellora do benestar das persoas e do futuro socioeconómico e medioambiental do Concello de Silleda, medito a miña decisión tendo en conta que non transcorreron os dez días hábiles para dar conta ó Pleno e que, polo tanto, aínda non se tomou en consideración por tal órgano o meu escrito do día 19 de xullo, decido retirar a miña renuncia, tanto ó cargo de alcalde como ó de concelleiro, deixando sen efecto o mencionado escrito".
A presentación deste escrito deixa sen efecto a dación de conta da súa dimisión que se incluía na orde do día da sesión.
O Partido Socialista celebra esta decisión tendo en conta que Manuel Cuiña é clave no Goberno municipal.
Acordos entre o PSOE e o BNG
As retribucións destinadas ás tres dedicacións exclusivas do Goberno de Silleda foron a principal causa que levou ao alcalde, Manuel Cuiña, a tomar a decisión de renunciar ao seu cargo ao non lograr un acordo co BNG. Despois dunha semana do Pleno no que o mandatario non conseguiu a aprobación dos soldos nun segundo intento, o socialista chegou a unha serie de acordos que o levaron a reconsiderar a súa dimisión, e a seguir traballando polo futuro de Silleda.
Así, en relación ás retribucións de cargos electos locais con adicacións exclusivas ou parciais, o BNG compromete o seu voto a favor da proposta que nun último momento propuxeran os nacionalistas, que quedaría como segue: a Alcaldía recibirá 48.000 euros brutos anuais, en 14 pagas; a 1º tenente de alcalde, Concellería de Xestión Social, Cultura. Deporte, Mocedade, Voluntariado, Normalización Lingüistica e Participación Cidadá, de 30.700 euros anuais en 14 pagas; e a Concellería de Xestión de Benestar e Igualdade: Benestar Social, SAF, Maiores, Igualdade, Sanidade, Educación e Diversidade, de 26.300 euros en 14 pagas. Ademais, acepta o novo posto de persoal eventual con funcións de secretariado de Alcaldía.
Por outra banda, o O BNG compromete o seu voto a favor á proposta de instar ao servizo municipal de Intervención a realizar unha modificación orzamentaria por un importe de 3.000 euros dende a partida 912.100.00 do Orzamento municipal do ano 2022 prorrogado a 2023 para a retribucións de cargos electos locais con adicación exclusiva o parcial, á partida 334.48 destinada ás subvencións municipais por concorrencia competitiva a entidades veciñais ou de participación social.