'Mar de Santiago' prepara a súa presentación en Fitur

Valga acolleu unha reunión dos catro concellos integrados na marca
Os participantes na reunión realizaron unha visita ao Museo da Historia de Valga. DP
photo_camera Os participantes na reunión realizaron unha visita ao Museo da Historia de Valga. DP

O Concello de Valga acolleu unha reunión dos alcaldes dos catro municipios integrados na marca Mar de Santiago para ultimar detalles da súa presentación na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid (19 e 20 de maio). Polo concello anfitrión participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros de Turismo e Cultura, Malena Isorna e Pedro Calvo. Tamén asistiron os rexedores de Vilanova de Arousa, Catoira e Pontecesures, así coma os técnicos que están a traballar no desenvolvemento da marca.

"Mar de Santiago" é un proxecto que pretende promocionar os catro concellos participantes e facelos visibles no marco do Xacobeo 2021-22 a través da a ruta marítimo fluvial a Compostela, o primeiro Camiño de Santiago da historia. Por esta ruta, coñecida tamén como "Translatio", chegaron no século I os restos do Apóstolo Santiago procedentes de Jaffa, dando orixe ao fito xacobeo.

Impulsaranse accións turísticas para atraer peregrinos a esta ruta e convertila nun motor económico para os municipios de "Mar de Santiago", ofrecéndolles aos visitantes alternativas culturais e de ocio en todos eles, de xeito que, a súa viaxe por augas da Ría de Arousa e do Río Ulla se acompañe con visitas aos principais recursos de cada localidade. Tamén se tentará atraer aos peregrinos que cheguen a Compostela a través doutros camiños, ofrecéndolles a posibilidade de dar continuidade á súa peregrinación realizando a continuación a ruta marítimo fluvial para coñecer os territorios de "Mar de Santiago".

Os traballos de cara a posta de largo do proxecto céntranse agora "na parte organizativa, na creación da imaxe e no desenvolvemento turístico do proxecto para presentalo en Fitur", explicou o técnico Jesús Ares. "Estamos convencidos de que este destino ten futuro, tanto no mercado local de Galicia, como a nivel nacional e incluso internacional", sinalou.

Trala reunión de traballo, os representantes dos distintos concellos realizaron unha visita ao Museo da Historia para coñecer máis polo miúdo algúns dos recursos turísticos cos que conta Valga, así coma o patrimonio e os persoeiros ilustres do Concello.

Comentarios