'Mar de Santiago' promocionará a ruta marítimo-fluvial cara a Compostela

Valga, Pontecesures, Catoira e Vilanova de Arousa asinaron este mércores con Turismo de Galicia un convenio que pretende dar a coñecer os recursos turísticos dos catro concellos pontevedreses
Sinatura do convenio 'Mar de Santiago' en Pontecesures. DP
photo_camera Sinatura do convenio 'Mar de Santiago' en Pontecesures. DP

Membros dos Gobernos locais dos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira e Vilanova de Arousa participaron este mércores pola mañá no acto de sinatura do novo convenio de colaboración Mar de Santiago entre Turismo de Galicia e estes catro municipios da provincia pontevedresa, un acto que tivo lugar no pantalán do río Ulla de Pontecesures. Trátase dunha nova iniciativa que promociona a ruta marítimo-fluvial a Santiago de Compostela que discorre por estes catro concellos, poñendo en valor o trazado do río Ulla e a súa contorna.

A Xunta de Galicia aporta 128.190 euros para o desenvolvemento de diferentes accións que contribúan a publicitar e atraer peregrinos a Mar de Santiago para coñecer a orixe de todos os Camiños de Santiago e tamén os recursos turísticos dos catro concellos agrupados nesta nova marca.

Outras das accións incluídas son a presenza en feiras e eventos turísticos e o deseño e distribución de material promocional

Entre as iniciativas que se levarán a cabo atópase a colaboración con turoperadores que 'vendan' o produto Mar de Santiago e a posta en funcionamento do proxecto de transportes, que inclúe un servizo de autobús que traslade aos peregrinos dende Compostela ata o territorio Mar de Santiago para percorrer a mesma ruta que fixeron os restos do Apóstolo e, ademais, achegarse ata os catro concellos para visitar as súas principais infraestruturas e espazos turísticos.

Outras das accións incluídas no convenio son a presenza en feiras e eventos turísticos e o deseño e distribución de material promocional.

No transcurso do acto, no que participaron o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Turismo, Malena Isorna, o mandatario agradeceu a Nava Castro e ao departamento de Turismo da Xunta "o traballo que realizan e o seu apoio para dar un pulo ao turismo na nosa comarca e nos concellos de Mar de Santiago. Este convenio, o segundo que asinamos, vai supor un reforzo importante para promocionar o noso territorio".

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, felicitou aos catro concellos polo esforzo que están a facer "para que os peregrinos que chegan a Galicia coñezan a ruta do mar de Arousa e río Ulla e saiban que o remonte pódese facer todos os días do ano".

E para iso, incidiu, é necesario contar coas infraestruturas de transporte necesarias e ofrecer servizos aos peregrinos, cuestións ás que vai enfocado o convenio asinado este mércores.

Comentarios