En marcha as obras de mellora do pavillón da Bandeira en Silleda

Os traballos que comezaron nos últimos días contemplan mellorar a accesibilidade deste recinto deportivo, reubicando os baños e vestiarios á entrada do pavillón
 
Obras de mellora no pavillón da Bandeira en Silleda. DP
photo_camera Obras de mellora no pavillón da Bandeira en Silleda. DP

O proxecto de mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo municipal da Bandeira comezou nos últimos días. Esta instalación deportiva, ao estar situada entre o CEIP Ramón de Valenzuela e a zona das piscinas municipais, é moi empregada para practicar deportes, ademais de ser usada polo alumnado do colexio.

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Míguez Xestoso, teñen un investimento total de 89.045,39 euros, dos que o 50% se financian a través do Programa LEADER de Galicia polo Plan de Desenvolvemento Rural, mediante o GDR Terras de Pontevedra Norte, como proxecto non produtivo. O 50% restante é asumido polo concello de Silleda con fondos propios.

Este proxecto busca mellorar a accesibilidade e renovar estas dependencias do pavillón, moi utilizado ao longo de todo o ano.  Deste xeito, estanse construíndo novos aseos e vestiarios reubicándoos á entrada do pavillón, ao lado da porta principal. 

As obras que se están realizando permitirán cumprir cos actuais requerimentos de accesibilidade para garantir o uso e desfrute do espazo por parte de todas as persoas usuarias, ademais de mellorar a eficiencia enerxética substituíndo os vellos quentadores por un sistema de aerotermia.

Comentarios