Jueves. 23.05.2019 |
El tiempo
Jueves. 23.05.2019
El tiempo

MARÍA FERREIRÓS, PORTAVOZ DO PSOE DE VALGA

"O Concello non está afeito a que o fiscalicen nin o critiquen"

María Ferreirós. CEDIDA
María Ferreirós. CEDIDA

Nas últimas eleccións municipais encabezou a candidatura do PSOE, que duplicou o seu número de concelleiros, pasando de dous a catro. Cunha muller acabada de chegar á vida política municipal como voceira, o partido traballou arreo, e a mellor proba é a presentación de 43 mocións nos plenos, das que só tres foron aprobadas polo Goberno do PP.

O PSOE anunciou recentemente que confía de novo en María Ferreirós para que encabece a candidatura ás eleccións municipais que se celebrarán no ano 2019.

En que argumentos se basea o seu partido para confiar en que haxa relevo no Concello de Valga?
Na necesidade dun cambio de maneira de gobernar e de afrontar os retos de futuro cunha planificación, e non de maneira improvisada. Este Goberno está ancorado na década dos 90 e non entende como funciona a sociedade e os homes e as mulleres deste século. Por outra banda, levamos máis de tres anos traballando cun ritmo intenso e con seriedade, nos que estivemos presentes en moitas actividades e achegámonos ao sector empresarial e as asociacións para coñecer as súas necesidades e inquedanzas e saber como ven Valga.

É Valga un concello interesado pola vida política municipal?
Viviuse bastante de costas á política, pero penso que as xeracións máis novas están máis informadas, ven o que está pasando noutros concellos, teñen unha visión máis crítica e demandan servizos de calidade. Nós apostamos por transmitir toda a información posible e pola transparencia e, cando é a así, e máis doado que a xente pregunte e se interese.

A continuidade nun cargo fai ás veces que se confundan as críticas á xestión coas descualificacións persoais. Pasa isto en Valga?
Para calquera xestión básica aínda segue a política de pasar polo despacho. Hai un equipo de goberno que non está afeito á fiscalización de gastos nin ás críticas por parte da oposición e quere esparexer a idea de que buscamos a confrontación e de que somos uns maleducados.

Cal é o balance do PSOE?
Levamos presentadas 43 mocións nos plenos, das que só apoiaron tres. Se non quixeramos colaborar co Goberno non o faríamos. Eles buscan a confrontación e usan todos os medios municipais, como a radio e as redes sociais, porque é a única forma que teñen para tratar de desacreditarnos.

Cansa moito traballar dende as bancadas da oposición?
Non. Estamos nun bo camiño, imos tendo resultados, como impedir a construción do polígono industrial ou que Castelao Bragaña renunciase ao título de Fillo Predilecto. Acadamos cousas pouco a pouco. Resulta apaixonante traballar na política municipal.

Compromiso
"Estaría dispostísima a manter un debate co candidato do PP e xa o estaba nas anteriores eleccións, pero non quixo"

Fala de Castelao Bragaña, pero o Concello no lle retirou o nomeamento, senón que renunciou a el.
Non sabemos ata onde chegou a presión do Concello para que o fixese. Sería moito peor que llo retirase porque resultaría violento. Se o fixese, o Goberno local marcaría distancias, pero defendeuno durante dous anos e púxose a carón dun machista.

Que valoración fai do tratamento que fai o Concello da imaxe dunha figura como La Bella Otero.
Se no 150 aniversario do seu nacemento a única ocorrencia é promocionar a súa imaxe máis superficial, como pretenden, iso quere dicir que non profundaron no significado desta figura de renome mundial. Temos un Goberno que non ten unha visión feminista nin entende o que está pasando co feminismo.

Como pensa que pode influír o tema do polígono industrial na opinión dos veciños.
Penso que se entendeu moi ben. Moitos veciños quedaron con vencidos de que era innecesario, e de que as industrias asentadas en Valga non ían cambiarse a ese polígono. Non hai demanda, e a creación de máis solo tampouco garantiza que a haxa. Hoxe en día temos sete áreas industriais.

E o asunto das comisións de coordinación, porque o Xulgado arquivou a causa?
É algo que vai máis aló de Valga. É a punta do iceberg de algo de moita máis transcendencia a nivel galego. Podería haber unha rede e o PP podería estar salpicado por máis casos coma este. É sorprendente como arquivaron o tema no Xulgado de Caldas. É contraditorio porque o fiscal recoñece a existencia dun delito.

E o financiamento do Codi?
Foi un exemplo do uso sucio da política por parte do Goberno local. Esconderon un informe e enganaron aos usuarios, pero o Xulgado puxo as cousas no seu sitio. Non saben entenderse con outras institucións públicas.

O turismo medra. Cal é a situación en Valga, un municipio situado no Camiño de Santiago?
O Camiño de Santiago está totalmente abandonado e nos Orzamentos da Xunta non se incluíu unha partida para o tramode Valga. Debería ser unha fonte de riqueza, pero non se aposta por crear comercio e servizos arredor del. Temos a baza da riqueza forestal e moitas hectáreas de monte cuxa produción podería diversificarse, e tampoco se investiu nel.

Aceptaría un debate na vindeira campaña electoral?
Estaría dispostísima a participar. Xa o estaba hai catro anos, e agora moito máis aínda, pero non creo que o haxa porque ao PP non lle interesa confrontar ideas e proxectos.

"O Concello non está afeito a que o fiscalicen nin o critiquen"
Comentarios