María José Tallón: "Quedan moitos camiños por explorar no rural"

Comezou cunha horta ecolóxica en Silleda e agora ten un proxecto de deshidratado de froitas ao sol único en Galicia, premiado polo Ministerio de Agricultura e agora en TalentA

María José Tallón. CEDIDA
photo_camera María José Tallón. CEDIDA

Como se lle ocorreu crear a empresa Trasdeza Natur? 
Ao quedar no paro. Sempre tiven unha horta de autoconsumo e nese momento comecei a adicarlle máis tempo e a formarme un pouco. Ademais descubrín que era terapéutico. Aproveitei que tiña unha propiedade na aldea da miña familia para poñer en valor todo aquel terreo que non estaba en uso. Pouquiño a pouco naceu Trasdeza Natur, que creei a finais de 2016. 

O que fai vostede é deshidratar froitas e verduras: amorodos, tomates, kale... 
Si, iso é. Por agora deshidratamos o que sae da nosa horta. Porque nós comezamos tendo unha horta ecolóxica certificada. Dámoslle saída a unha parte da produción en fresco, pero sempre quedan excedentes porque as cousas deben ser recollidas nun tempo determinado, senón estráganse. Así foi como ideamos darlle unha segunda vida a eses produtos. Unha maneira de non influír no seu proceso de transformación é a deshidratación. O que se fai aí é simplemente quitarlle a humidade e deixar o produto seco, incrementando tanto o olor como o sabor. Na temporada de verán temos amorodos e tomates, e na de inverno, kale, cebola, alló, cabaza, lombarda... 

E deshidrátao todo ao sol, sen empregar un secado artificial. Tiña claro dende o principio que a súa proposta debía ser sostible ou foi algo que xurdiu despois? 
A base inicial do proxecto era a sostibilidade. Queriamos que todo o proceso fose respectuoso co medio ambiente e sostible economicamente no tempo. Iso último é moi importante porque, sobre todo cando comezas, conseguir o financiamento para os investimentos que tes que facer é moi complicado. Por outro lado, na parte medioambiental, conseguir non estar enchufado á corrente e non emitir CO2 era moi importante para nós. Se inicias unha actividade, que menos que ser responsable do coidado dese medio no que estás a exercer a actividade, no noso caso o rural. Ademais este é un xeito de traballar moito máis agradable. 

E que tal funcionaron as froitas deshidratadas no mercado? Hai uns anos eran máis raras, pero cada vez é máis habitual atopalas. 
Funcionaron moi ben! Foi sacalas e vendelas! Levamos dende o ano 2017 loitando cos procesos de traballo. En 2020 foi cando sacamos os primeiros produtos. 

Un ano complicado. 
Si, moi complicado. A pandemia pillounos no medio de todo o proceso. Pero, ao final a covid foi un reto máis dentro de todos os que ten que enfrontar un emprendedor. Os produtos tiveron moi boa aceptación. Os amorodos deshidratados son como unha gominola. É un sabor que te engancha. Non houbo case nin que facer promoción. Foi unha cousa que se vendeu soa. 

No rural non todo é marabilloso. Hai que insistir e ter paciencia. A cambio, traballar a terra resulta moi gratificante 

Venden online (trasdezanatur.com) e tamén en tendas de proximidade (Mamasunción de Silleda). 
Si, os produtos frescos vendémelos a nivel comarcal. O do kilómetro cero está directamente relacionado coa nosa filosofia de traballo. Ese concepto é importante para nós. Os produtos deshidratados si que nos gustaría levalos un pouco máis lonxe pouco a pouco. 

Co seu proxecto vén de ser unha das dúas finalistas dos premios estatais TalentA, que promoven a Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (Fademur) e a marca Corteva. Antes xa a recoñecera o Ministerio de Agricultura cun premio de excelencia á innovación. Os galardóns son importantes ou non deixan de ser algo anecdótico? 
Moi importantes, de feito. Non me preguntes por que os recibimos porque non o sei. Compites con moitísima xente [en TalentA este ano participaban máis de 80 proxectos de emprendemento no rural desenvolvidos por mulleres de toda España] e é moi difícil saber por que te escollen a ti. Pero para calquera empresa son moi relevantes. Por un lado, supoñen un recoñecemento ao traballo e anímante a seguir adiante. Por outro, supoñen un pulo importantísimo a nivel de financiamento ou de formación, cuestións básicas para un emprendedor. A maiores, nestes certames coñeces a moitísima xente con ideas que son moi inspiradoras, que te alimentan. 

Acabarase por volver ao rural en Galicia ou é difícil que iso suceda? 
Eu podo falar dende a miña experiencia e esta pasa por comprobar que xa se está volvendo ao rural agora mesmo. Por unha banda é máis sinxelo facelo que hai uns anos. Por outra, segue habendo hándicaps importantes como o da conectividade. Non poder contar cunha boa conexión a internet é probablemente o problema máis importante que existe e é imprescindible solucionalo. Se se dése ese pasiño, a volta á rural sería moito máis doada. Porque é certo que a covid fixo que moita xente volvese á aldea, pero non para traballar, senón como escapatoria da cidade, como ocio. 

No seu caso, foi especialmente difícil poñer en marcha a empresa? 
Difícil é para todo emprendedor. Pero eu non me arrepinto o máis mínimo. Todo o contrario. 

Daríalle un consello a alguén que estea pensando en montar algo no rural? 
Formarse ben, buscar esa axuda que te sitúe no camiño correcto. Aínda quedan moitos camiños por explorar no rural. Mesmo diría que hai moito por descubrir. Despois, non hai que desanimarse, porque os principios sempre son duros. Non todo é marabilloso e as cousas levan o seu tempo. Hai que insistir e ter paciencia. A cambio, esta vida é moi fermosa. Traballar na terra é moi gratificante.

Comentarios