domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

Mario G. Cortizo: "En moitas festas e verbenas estase recuperando a música do país"

Mario G. Cortizo. CEDIDA
Mario G. Cortizo. CEDIDA
O lalinense, xunto con outros músicos de distintas partes de Galicia, puxeron en marcha un proxecto que pretende ofrecer "música tradicional cun aire novo". A Banda de Lombás xa ten dous sinxelos, grabará un disco este verán e fará a presentación oficial cando a covid-19 lles deixe

A Banda de Lombás é o nome da nova agrupación de música tradicional galega que, en canto se recuperen de novo as verbenas e as festas populares, ofrecerá a música do país de sempre pero cun aire moderno. Mario G. Cortizo, o seu director musical, é de Lalín, que precisamente foi o lugar escollido para grabar o videoclip dun dos seus sinxelos: Vilar do Río, que xa se pode visualizar en YouTube

Como nace a Banda de Lombás? 
A banda nace porque tiñamos a inquedanza de recuperar os bailes e as verbenas tradicionais. Esas romarías sempre nos gustaron moito e quixemos innovar desde esa tradición, é dicir, aplicar o noso coñecemento de técnicas contemporáneas de música a unha cousa tan tradicional como é a música que se fai nas romarías. E facelo nun formato que é a banda, que normalmente non está presente na música tradicional, que sempre é un terreo para as gaitas, para as pandeiretas, para outro tipo de música. Pero nas aldeas sempre houbo este tipo de festas coas bandas e por iso quixemos recuperar este terreo. 

O nome da banda foi extraído do libro 'A lingua das bolboretas', de Manuel Rivas. 
Sempre nos inspiraron moito eses relatos de Manuel Rivas de Que me queres amor, de A lingua das bolboretas. Cando estabamos traballando e documentándonos para o proxecto relemos ese relato e visualizamos a película. É precisamente ese tipo de festa a que queremos facer. E no relato fala de que son oito músicos, coma nós, e que van polas aldeas. Hai moitos paralelismos. E nun momento dado da historia van a facer un concerto a Santa Marta de Lombás, un lugar imaxinario creado por Rivas, e gustounos moito a sonoridade de Lombás. É unha banda de ventos e ten que levar ese nome. 

Nós queremos ser unha parte activa do espectáculo. Non que a xente nos esté mirando, senón que baile

Cal é o repertorio da banda? 
O repertorio baséase en tres frontes: unha é a composición propia; outra é a adaptación de obras xa escritas para banda, porque hai moita música bailable para este tipo de agrupacións de ventos; e a terceira fronte, na que estamos traballando moito, é a recuperación de repertorio tradicional a través de grabacións de campo. É dicir, por sorte hai arquivos, como o Apoi, o arquivo do Museo do Pobo Galego, que ten accesibles en liña máis de 500 entradas. Collemos as fontes e escoitamos á xente como cantaba e adaptámolo á sonoridade contemporánea. É dicir, o noso obxectivo é que as harmonías soen modernas; na percusión utilizamos técnicas contemporáneas que nos permiten facer máis cousas, pero sempre respetando a base da tradición e, sobre todo, o máis importante, que as estructuras deles se repeten para que a xente poida bailar unha muiñeira ou unha xota como se baila tradicionalmente pero con esas sonoridades novas. 

Se tivese que definir o tipo de música que toca a banda, como sería? 
Aínda non buscara etiquetas, pero podería ser música tradicional cun aire novo. 

A banda ten, ademais, vestimenta tradicional propia, feita a medida. 
Si. Na roupa fixemos dalgún xeito o mesmo que na música. Queriamos facer algo inspirado na tradición pero que non fora puramente tradicional. Entón falamos cunha deseñadora catalana, que se chama Miriam Alemán, e ela, inspirada en todas as roupaxes tradicionais do baile, quíxolle dar unha volta e facer as cousas máis modernas, ademais de facer prendas unisex. Por exemplo o dengue, ese tipo de pano que é unha prenda tradicionalmente feminina, de repente podemos aparecer homes da banda tocando con el, ou ao revés, as mulleres con chalecos. Non é que fagamos unha inversión de roles, senón que o tomamos como algo indistinto, ou unha ou a outra, e do mesmo xeito seguir a liña que está pasando nos torreiros, nos campos de festa, onde xa non se respeta esa rixidez das filas de baile de homes por un lado e mulleres polo outro, senón que cada quen baila con quen quere. E dalgún xeito a maneira de trasladar á roupa iso que está pasando no baile. 

Estamos traballando moito na recuperación de repertorio tradicional a través de grabacións de campo

Son vostedes músicos de distintos concellos de Galicia. Como se puxeron en contacto para formar a agrupación? 
Coñecémonos desde fai moitos anos. Galicia non é tan grande e a nivel musical coñecémonos todos moito. Hai xente coa que cadrei desde moi novo no conservatorio, hai outra que nos coñecemos de traballar por exemplo na Orquestra Sinfónica de Galicia, e fomos configurando este grupo que basicamente somos xente que vive na contorna da Coruña ou de Pontevedra. 

Cal é a intención da agrupación? Tocar polas romarías? 
Nós empezamos con este proxecto porque tiñamos ganas de facelo pero tamén porque vimos que por sorte en moitos sitios está mudando o modelo de verbena e de festas e en vez de contratar á Panorama ou á Paris de Noia cada noite, polo menos un dos días en moitos sitios están recuperando a música do país. Nós queremos ser unha parte activa do espectáculo. Non só subir ao escenario e que a xente está abaixo mirando, senón que a xente baile. Este é o tipo de sitios nos que queremos e imos tocar, seráns, foliadas e demais, e este tipo de verbenas que están volvendo ao tradicional. 

É tamén unha maneira de ‘enganchar’ á xente moza... 
Efectivamente, porque o bonito do que está pasando co baile nestes últimos anos é que ao baixar do escenario, a xente baila máis de xeito espontáneo. Ir a calquera festa e que persoasde todas as idades, pero sobre todo xente nova, vestida igual que van á discoteca estea bailando música tradicional, é o que cremos que temos que reivindicar. Que a xente nova que quere este tipo de produto o teña e poida bailar con iso.

Mario G. Cortizo: "En moitas festas e verbenas estase recuperando a...
Comentarios