Obituario

Máximo Sar, voz de Celenis

O padronés Maximino Rodríguez Buján, fillo adoptivo de Caldas e cuxo seudónimo literario foi Máximo Sar. DP
photo_camera O escritor e xornalista padronés Maximino Rodríguez Buján, cuxo seudónimo literario foi Máximo Sar, é fillo adoptivo de Caldas, onde exerceu moitos anos de xuíz. DP

FOISE O mestre. Foise a unha dimensión descoñecida. Quedamos sen relato. Silencio! Celenis está de pranto. Perdeu Celenis a gran voz, a daquel excelso narrador que á Vila sempre engalana e á que deixa un importante legado en boa herdanza. Foise don Máximo. Deixa un gran baleiro, unha sentida orfandade, non só na súa familia, senón tamén nesta súa demarcación xeográfica de Celenis, Padrón, Rianxo... e con vinculación rosaliana.

Entre a realidade e a lenda, engadiu tanta beleza a esta terra! Ser de memoria prodixiosa; autor de máxica e amena prosa, plena de humor e de graza, de brisa atlántica; cultivador dun estilo austero, sobrio, sinxelo, pero rico, eficaz, fértil. Un Juan Rulfo das augas quentes! Un puro luxo para os nosos sentidos! Don Máximo foi un profesional da xustiza e un recoñecido amador do relato (como un padronés Macías o Namorado), que exercía con sabia destreza de oficio.

Esta gran perda prodúcenos unha fonda desolación, un desconsolo, una tristura de loito a aqueles que amamos a luz da palabra; o fervente lume da literatura. Perdemos a súa cátedra, o maxisterio dun preclaro escritor; un guieiro a seguir. Apágase aquí a Xeración La Noche: García Bayón, Borobó, Piñeiro Ares... querubíns da Bella Otero namorados.

Vanse indo os ínclitos cronistas de Celenis e arredores, as enxeñosas plumas xornalísticas, a letra de libro de todos eles e outros engadidos, como un Fariña Jamardo, un Xoán M. Domato, Chicho; como xa hai anos se foi o exercicio da granítica plástica dun Pesqueira Salgado. Todos eles endovélicos confrades de nostálxico recordo.

Déixanos agora o gran patriarca, ao borde mesmo de escasos meses de ser centenario, en idade e en sabedoría. Sempre recordaremos a súa aposta figura polas súas queridas rúas, o seu porte xudicial, a súa fidalguía de fina estirpe literaria. No seu mesmo nome todo en el se reunía. Arte e saber máximo no seu dicir e un discorrer de heráclita corrente de río, das augas do Sar natal e das amantes augas do acompañante Umia, en verbo moi fluído, en semántica líquida.

Non quere ser isto unha necrolóxica ao uso, senón a celebración dunha prolífica traxectoria de vida e de obra. Don Máximo vivirá para sempre na cálida memoria de Celenis, sempre navegante nas súas augas caldas (agora na barca de Caronte), como fillo natural de honra e de premio.

Ao xa inesquecible bardo, eterna gloria e lembranza inmorredoira.